Publicador de contidos
Publicador de contidos

As treboadas dos últimos días anegan terras de cultivo na comarca da Limia

As treboadas dos últimos días anegan terras de cultivo na comarca da Limia

Non é posible quitar as malas herbas ou aplicar herbicidas e funxicidas, nin sequera en moitos casos poden acceder coa maquinaria ás leiras

G24.gal 01/06/2023 14:26

A seca de meses atrás foi un verdadeiro pesadelo para os agricultores. Porén, o exceso de chuvia tamén supón unha ameaza. E iso é o que está a suceder na Limia, despois de varias xornadas de treboadas e precipitacións torrenciais. Esa chuvia, de entrada necesaria e moi beneficiosa para os cultivos, como a pataca e o cereal, comezan a ser un problema para os agricultores.

Hai xa leiras completamente anegadas, onde a colleita non vai saír adiante, e outras onde a humidade acumulada na terra impide a entrada de maquinaria e a aplicación de produtos funxicidas. Temen que a situación empeore se a previsión de chuvia non cambia nos vindeiros días. 

Nesta leira de seis hectáreas completamente anegada cultívase pataca, como noutras tres mil cincocentas en toda A Limia. Certo que a imaxe impacta dende o aire, pero non o fai menos dende abaixo. Aquí a auga circula entre as plantas sen dificultade, coma se dun regato se tratase. Leva días chovendo sobre mollado e a terra xa non dá abasto. 

"Esta caendo entre 35 e 50 litros diarios. De momento non temos zonas que non chovera nada, e ademais cae todos os días que é curioso porque a veces marca treboada, escapa e non ven, pero desde que empezou non falla un día", explica Amador Díaz Penín, presidente da Asociación de Produtores de Pataca na Limia. 

"O que tradicionalmente se coñece como as bondades das augas de maio, os primeiros días foron bondades, os segundos días xa nos fai pensar, e agora xa estamos no límite de consideralo un pouquiño desastre", apunta Servando Álvarez, técnico do Inorde.

Certo que a primeira chuvia foi benvida porque algúns cultivos, como o cereal, comezaban a mostrar algúns síntomas de seca. A auga, din, sempre é necesaria, pero a intensidade das precipitacións nos últimos días, case todas en forma de treboada, empeza a poñer a terra nunha situación límite.

"Vai haber leiras que queden sen a metade da planta como siga así, e se non podemos entrar a facer labores é complicado. Ademais despois de moita humidade e moita chuvia acostuman vir os fungos, e non poder facer un tratamento para o mildeu creo que vai ser o seguinte problema", explica Amador Díaz.

"Faise o caldo de cultivo ideal para que ataque a pataca unha doenza, unha bacteriose que se chama 'pé negro' e fai podrecer a pataca", di Servando Álvarez.

Tampouco é posible quitar as malas herbas ou aplicar herbicidas e funxicidas, nin sequera en moitos casos accederen coa maquinaria ás leiras. Non só a día de hoxe, tampouco e aínda que parara a chuvia, en días vindeiros. Por iso din que toca mirar o ceo, e confiar en que a chuvia dea por fin unha tregua para evitar que se perda boa parte das colleitas deste ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade