As treboadas estragan as cereixas na Ribeira Sacra do Miño
As treboadas estragan as cereixas na Ribeira Sacra do Miño
Os produtores de Chantada, Patón e O Saviñao estiman perdas do 20 % nas variedades que se recollen en xuño
Hoxe loce o sol no Jerte galego, pero a chuvia foi a protagonista indiscutible das últimas semanas. E este é o seu efecto.
"Ábreas e podréceas dun día para outro. Incluso, aínda que se puidesen comercializar, o sabor non é o mesmo. A cereixa quere moita calor", di Ramón Rodríguez, produtor de cereixas.
Con 400 cerdeiras en produción, Ramón é o maior colleiteiro da zona. Entre Chantada, Pantón, O Saviñao... producen uns 120.000 quilos por temporada, pero esta calculan unha redución do 20 %, que xa se nota no mercado.
"Están moi caras e hai que ter moito coidado, porque están moi abertas e estragadas". "A dez euros, oito... depende tamén do calibre: máis grande, máis pequena...", comentan dúas vendedoras.
As perdas trasládanse aos prezos. Non só aquí, senón en toda España, onde se están pagando a 16 euros o quilo, e no resto de Europa.
"En Francia comentábame un emigrante se lle podía mandar cereixas porque as tiña que pagar a 49 euros o quilo, a cereixa española", conta Ramón.
As variedades que se recollen en maio si deron bo resultado, o que salva a parte máis importante da campaña.