Publicador de contidos
Publicador de contidos

As vítimas do Alvia reclaman en Santiago unha investigación técnica independente

As vítimas do Alvia reclaman en Santiago unha investigación técnica independente

No noveno aniversario do accidente ferroviario, as familias dos falecidos volven á curva da Grandeira para recordar os seus seres queridos

Din que o xuízo que comeza en outono chega moi tarde e que hai familiares que nunca coñecerán o veredicto

As vítimas do Alvia seguen manifestándose nove anos despois do accidente
G24.gal 24/07/2022 12:07 Última actualización 24/07/2022 15:11

As vítimas do Alvia manifestáronse esta mañá en Santiago no noveno aniversario do accidente de Angrois. Nesta ocasión a vista está posta no próximo mes de outubro cando comezará o xuízo dun sinistro que deixou 80 mortos e 144 feridos.

Un ano máis a marcha transcorreu desde a estación do tren ata o Obradoiro, e ademais de servir como recordo dos seus falecidos no accidente, foi de novo un acto de protesta pola instrución deste caso. As familias volveron esixir unha investigación independente e unha vez máis responsabilidades políticas.

Así insistía Esperanza Fernández, que perdeu a seu pai e a súa cuñada no accidente:

"Nove anos despois seguimos como ao principio pero máis enfadados. Con moito máis coñecemento e información. É un desgaste constante a peregrinaxe polas institucións, por Europa en busca do mesmo que levamos desde hai nove anos, que é xustiza, verdade e reparación"

E tamén Jesús Domínguez, voceiro da Plataforma de Vítimas do Alvia, e que viaxaba no tren hai nove anos:

"Tócanos seguir concentrándonos e reivindicando que se faga unha investigación técnica independente que todos os gobernos se negaron a facer nestes anos aínda que a Unión Europea o vén esixindo desde hai anos"

Algo que corrobora Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa:

"Europa dixo claramente no seu momento: non se fixo unha investigación independente e non se foi ás causas profundas do accidente. Recentemente hai unha sentenza que di que tampouco foron escoitadas as vítimas e que a CIAF non cumpriu a súa tarefa"

Con esta situación, o xuízo comezará o próximo 5 de outubro na Cidade da Cultura e as vítimas din que os 9 anos de demora non son casuais, como afirmaba Jesús Domínguez:

"É un xuízo que empeza coxo e débil. Alegrámonos pero tamén temos que dicir as cousas que pensamos que están mal na xustiza e nas institucións. Lamentablemente as vítimas pensamos que haberá unha sentenza pero non vai haber xustiza porque hai vítimas e familiares, pais, nais e irmáns que xa faleceron e para eles nunca haberá xustiza"

Esta tarde as familias volverán á curva da Grandeira para ver pasar o Alvia que hai 9 anos non chegou á estación.

Rueda recorda o suceso durante a entrega das Medallas de Galicia

Para as vítimas do Alvia e os servizos de emerxencias que traballaron hai oito anos nesa xornada negra tivo hoxe unhas palabras de lembranza o presidente da Xunta na entrega das Medallas de Galicia.

Alfonso Rueda tamén recoñeceu o traballo realizado na última semana polos que participan nos operativos de loita contra os incendios forestais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade