Asime ve posibilidades "moi relevantes" en Galicia para captar pedidos no sector da defensa nos próximos anos
Asime ve posibilidades "moi relevantes" en Galicia para captar pedidos no sector da defensa nos próximos anos
Asime ve posibilidades "moi relevantes" en Galicia para captar pedidos no sector da defensa nos próximos anos
O secretario xeral da patronal Asime considera "xusto" que Stellantis Vigo reciba fondos do PERTE VEC e alerta da paralización xudicial de proxectos eólicos
Enrique Mallón comparte a preocupación polo aumento de mortes en accidentes laborais en Galicia e avoga por máis controis e o cumprimento das normas por parte de todos
O secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas (Asime), Enrique Mallón, cualifica de "moi relevantes" as posibilidades de Galicia para captar proxectos industriais relacionados co sector da defensa ante o aumento dos pedidos dos gobernos de todo o mundo pola incremento das tensións xeopolíticas. Así o manifestou Enrique Mallón nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.
Neste senso, explica que "as nosas empresas, que non son aínda moitas en número, estamos a falar dunhas vinte empresas en Galicia que traballan dun xeito intenso, deben intentar chegar a acordos de colaboración con outras empresas de Asime para intentar dar resposta a eses novos proxectos que con total seguridade se están a negociar hoxe en día e que se van negociar nos próximos anos".
Enrique Mallón salienta que, dentro do metal, a automoción galega goza de boa saúde e considera xusto que a fábrica de Stellantis de Vigo sexa incluída como proxecto estratéxico para recibir fondos europeos no PERTE do Vehículo Eléctrico Conectado.
Sinala que "dende logo a automoción galega co que representa, practicamente 20.000 traballadores e unha das principais comunidades autónomas en España e en Europa na automoción, non pode quedar fóra desas axudas. Nós chamamos a que haxa unha boa comunicación, que parece que a hai, entre a factoría e o Goberno de España e que se teña en conta que a automoción galega merece un apoio público en equidade e en termos de xustiza con respecto a outras factorías en España. Confiamos en que, finalmente, existan eses apoios".
Enrique Mallón considera "estratéxica" a continuidade de Alcoa en San Cibrao para seguir producindo aluminio e resalta que "todas as potencias industriais do mundo teñen claro que hai que producir preto, que hai que ter as materias primas e os bens e servizos fundamentais para ser competitivos, senón o futuro industrial será moi negro para todos".
Sobre as últimas paralizacións xudiciais de parques eólicos en Galicia, o secretario xeral de Asime asegura que "hai nerviosismo, preocupación e sorpresa por estas decisións das últimas semanas" e avisa de que "se se alonga vai provocar unha perda de imaxe e de investimentos tremenda en Galicia". "Esiximos publicamente que se sexa moi rigoroso, que se saiba tamén quen está detrás de cada parálise e que intereses poden ter, pero, especialmente, os aspectos técnicos, que realmente provocan esas parálises e eses impactos que, en moitos casos, non se cuantifican e non se especifican", indica.
Ante a manifestación dos sindicatos o xoves en Vigo para protestaren ante a última vaga de mortes en accidentes do traballo, desde Asime din compartir esta preocupación, que "nos entristece" e salienta que "os datos de sinistralidade laboral nos últimos anos no metal en Galicia son mellores ano tras ano. Isto pode sorprender a algúns. O que pasa é que nos últimos dous anos tivemos varios accidentes mortais. Esta é a peor nova".
Di que a maioría de empresas do metal están traballando de maneira intensa para aumenta-la seguridade e fai un chamamento a todos para incrementaren os controis e seren rigorosos no cumprimento das medidas que eviten sinistros laborais.
"Nós chamamos aquí tamén á reflexión de todos, das administracións públicas para facer un maior control, das empresas que proven destes servizos de prevención, aos empresarios e directivos e aos propios traballadores. Moitas veces tamén os accidentes son por descoidos, por non seguir as indicacións que se dan e que está probado nos informes dos accidentes. Aquí hai que facer as manifestacións e a declaracións sen acritude, pero si con responsabilidade. Que haxa un control rigoroso de todo (...) para que non haxa mortes no noso sector e ese é o obxectivo que debemos perseguir todos".