Asociacións de familias numerosas piden apoio da Xunta para non desaparecer da nova lei
Asociacións de familias numerosas piden apoio da Xunta para non desaparecer da nova lei
A Xunta cre que a lei "bota por terra" anos de traballo e consenso
Galicia conta con 27.000 familias numerosas. Están preocupadas porque o proxecto de lei que prepara o Goberno central pretende eliminar ese concepto para substituílo por familias con maiores necesidades de apoio á crianza.
Representantes tanto da Asociación Galega de Familias Numerosas como da federación española reuníronse coa conselleira de Política Social para analizar este novo texto. Fabiola García mostroulles o apoio da Xunta e asegurou que non hai ningunha razón para suprimir esa categoría.
"Non entendemos que se manteña o título de familias monoparentais, pero que se suprima o de familias numerosas", declarou o presidente de Agafan, Luis Sánchez, este martes despois de reunirse coa conselleira.
A proposta de Lei, aprobada o pasado 27 de febreiro no Consello de Ministros, recoñece dentro da nova fórmula como familias numerosas de categoría especial a aquelas con catro fillos, no canto de cinco como ata o momento; as familias con tres fillos en caso de parto múltiple, no canto de catro como na actualidade, as familias con tres fillos e baixos ingresos, as monoparentais con dous fillos a cargo, as de dous fillos que teñan un pai ou un fillo con polo menos 33 % de discapacidade e os fogares con dous fillos encabezados por unha vítima de violencia de xénero.
Ambas as asociacións valoraron aspectos positivos que contempla a norma, como os permisos de conciliación, pero apuntan a outras "prexudiciais". Así, o presidente da FEFN, José Manuel Trigo, comunicou que "o 90 por cento das familias non están de acordo co cambio", polo que se reúnen con distintos grupos políticos e administracións co fin de "tentar bloquear este aspecto da lei".
En todo caso, o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, que impulsou a redacción do proxecto de lei, mostrouse disposto a negociar "a etiqueta" desde o día da aprobación co obxectivo de ter "o maior consenso posible".
Pola súa banda, a conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, mostrou a súa falta de entendemento ante o cambio de concepto, que segundo sinalou, "implica botar por terra moitísimos anos de traballo, pero sobre todo, moitos anos de consenso social tanto en España, como en Galicia".
Así mesmo, Fabiola García trasladou o apoio do Goberno galego a todas as familias numerosas da comunidade "fronte ao rexeitamento constante e permanente" que considera que reciben por parte do Executivo estatal.
Neste sentido, lembrou algunhas medidas da Xunta como a dedución fiscal no IRPF para as familias con dúas ou máis fillos ou a ampliación, ata os 26 anos do fillo menor, da vixencia do título de familia numerosa sen necesidade de renovación.