Publicador de contidos
Publicador de contidos

Asturias logra estabilizar a maioría dos seus incendios forestais

Asturias logra estabilizar a maioría dos seus incendios forestais

As condicións meteorolóxicas melloraron e favorecen a extinción do lume

G24.gal 01/04/2023 14:22 Última actualización 01/04/2023 14:39

Asturias loita contra o lume cunhas condicións meteorolóxicas mellores que nos últimos días. As temperaturas descenderon e está chegando a todo o territorio chuvia débil, que se espera que sexa máis intensa pola tarde.

Quedan 71 incendios abertos, a maioría estabilizados ou controlados. As autoridades empezaron a retirar medios, entre eles o dispositivo enviado desde Galicia.

A vaga de lume, a peor vivida no Principado desde 2017, afectou principalmente o occidente da comunidade. Chegou a haber 135 lumes simultáneos, que obrigaron a desaloxar localidades enteiras.

Houbo que evacuar case 400 persoas e cortar estradas. O lume queimou cortes, casas e vehículos. O responsable do servizo de emerxencias subliña que foron días moi duros.

"Con moito perigo para os intervenientes e para os habitantes dos núcleos rurais. Principalmente no incendio de Valdés pasárono verdadeiramente mal", explica Óscar Rodríguez Menéndez.

O presidente do Principado subliñou que Asturias non arde, que a queiman. Di que foron accións coordinadas, con incendios de ata doce focos iniciados ao mesmo tempo. Barbón cualificou os responsables de terroristas. Afirmou que actuaron para facer dano e insistiu en que puxeron en risco a vida de persoas.

"Aínda que a hoxe, por sorte, non houbo ningún falecido, temos que ser conscientes de que puido haber centos de mortos ao longo destes días".

As investigacións están en marcha, tanto por parte das brigadas coma da Fiscalía.

"Eu quero ver xente no cárcere por isto que sucedeu en Asturias", puntualiza Adrián Barbón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade