Ata a cociña tras quedar durmido ao volante
Ata a cociña tras quedar durmido ao volante
O condutor deu negativo na proba de alcolemia
Non houbo que lamentar feridos neste accidente que se produciu en Redondela
O condutor do turismo volveu nacer esta fin de semana. Contra as catro e media da mañá do domingo perdeu o control do seu vehículo e bateu violentamente contra esta casa de Reboreda, en Redondela.
O home puido saír polo seu propio pé e non presentaba lesións. De feito non foi necesario chamar a ambulancia. A Policía Local de Redondela fíxolle unha proba de alcolemia que deu negativo.
Pouco despois chegaba a Garda Civil de Tráfico que se fixo cargo da investigación. As primeiras hipóteses apuntan a que puido quedar durmido ao volante. O estrondo espertou os veciños da zona, que tamén levaron un bo susto.
Estrella Puertas, veciña da zona, di que os espertaron cun forte estrondo e que cando saíron mirar viron que se trataba dun coche que acababa de chocar contra a casa duns veciños. Estrella di que cando a súa filla se achegou para axudar viu que o condutor saía polo seu propio pé.
A colisión foi tan violenta que o turismo acabou no interior da cociña da vivenda. A sorte foi que estaba deshabitada. Pilar Rodríguez, muller do propietario, alégrase de que o rapaz saíra ileso, pero quéixase de que as forzas de seguridade deixaron a vivenda desprotexida. Pilar di que no tempo que tardaron en chegar puideron entrar a roubar ou mesmo a ocupar a vivenda.
Pilar espera que o perito do seguro vaia pronto para avaliar os danos e así poder arranxar canto antes a vivenda.