Atopan 10 quilos de marihuana durante o rescate dunha vivenda incendiada en Rianxo
Atopan 10 quilos de marihuana durante o rescate dunha vivenda incendiada en Rianxo
Os axentes acudiron ao domicilio, no que non estaba o inquilino, e durante a extinción atoparon a droga xa envasada
A Garda Civil do Posto de Rianxo e efectivos do Posto de Padrón comisaron 10 quilogramos de cogollos de marihuana durante o rescate dunha vivenda incendiada en Rianxo.
Segundo informa a Benemérita, os feitos ocorreron tras unha chamada advertindo dun incendio na zona de Ourolo.
Unha patrulla do Posto de Padrón, Bombeiros de Boiro e Policía local de Rianxo desprazáronse ao lugar. O inquilino non estaba na vivenda e comezaron os labores de extinción.
Durante a operación, os axentes observan que no interior da casa había “unha gran cantidade de bolsas termoseladas e envasadas ao baleiro que contiñan unha substancia de cor verde que podería tratarse de cogollos de marihuana”.
A Garda Civil procedeu á aprehensión da substancia, que se cifrou en 10 quilos tras a súa pesada. Mentres continúa coas investigacións, remitiu as dilixencias por estes feitos ao Xulgado de Garda de Padrón.
Do interior da vivenda tamén foron rescatados 11 cachorros e unha cadela que precisaron de asistencia veterinaria.