Avanza a instrución do caso Elisa Abruñedo: o fillo maior da vítima non coñecía o asasino
Avanza a instrución do caso Elisa Abruñedo: o fillo maior da vítima non coñecía o asasino
O veciño que atopou o cadáver de Elisa declara ante o xuíz nunha das que se prevé últimas comparecencias antes de que se abra xuízo oral
O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol segue citando as testemuñas do crime de Elisa Abruñedo para comparecer perante o xuíz. Son as mesmas que xa declararon tempo atrás ante a Garda Civil.
Un dos últimos en prestar declaración foi o fillo maior da vítima. Ratificou a versión que xa lle dera á Garda Civil no seu momento. E insiste en que non coñece de nada o autor confeso do crime da súa nai.
Tamén declarou Delfín Feal, o veciño de Elisa que atopou o seu cadáver a poucos metros da casa.
"Ratifiquei a miña declaración e maticei unha pregunta que me fixeron sempre e que nunca quedou recollida por escrito. É por que saín buscar a Elisa? Foi porque eu vina e case lle dei un golpe co coche. O que pensei foi que viñera alguén detrás, que a atropelara e que quedara tirada na gabia. Por iso saín buscala", explica Delfín.
Por andar á procura de Elisa e atopar o seu corpo, Delfín estivo no punto de mira e ata aturando comentarios perversos dos seus veciños durante moitos meses.
"Para moita xente fun sospeitoso. Como son veterinario, eu teño acceso a luvas que non deixan pegadas, eu coñezo a zona, eu atopei a Elisa... E comentarios así", engade Feal.
O procesado, de 49 anos e veciño da comarca da Ferrol, vaise librar da prisión permanente revisable, pero terá que enfrontarse ao veredicto dun xurado popular. De non haber atrasos, o xuízo celebrarase dentro dun ano na Audiencia Provincial da Coruña.