Citan a declarar familiares, veciños e axentes na investigación do crime de Elisa Abruñedo
Citan a declarar familiares, veciños e axentes na investigación do crime de Elisa Abruñedo
O xulgado de Ferrol avanza na instrución do caso e as dilixencias poderían incluír probas periciais e incluso unha reconstrución dos feitos
O Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol chama a declarar as testemuñas relacionadas co caso do crime de Cabanas: entre esta semana e a que vén pasarán por alí veciños, axentes e familiares de Elisa Abruñedo.
A xuíza tamén citou persoas que tiveron nestes anos relación co seu asasino confeso, Roger Serafín Rodríguez. Previsiblemente ratificarán as declaracións que fixeron no seu día na Garda Civil, un paso máis no procedemento de instrución do caso.
Ademais das testificais, as dilixencias poderían incluír probas periciais ou incluso unha reconstrución dos feitos, que se remontan máis de dez anos atrás. Foi o 1 de setembro de 2013 cando a familia denunciou a desaparición de Elisa, que saíra pasear. Atoparon o seu corpo ao día seguinte, agachado entre a vexetación a poucos metros da súa casa, no lugar de Lavandeira, en Cabanas.
A investigación parecía estancada, ata que o ano pasado deu un xiro case de película. Os investigadores tiñan a pista dun coche e un ADN compatible co do asasino, que sería dun parente de lonxe. Tiñan un apelido, e sabían que tiña que ser de pelo roxo, así que mergulláronse nos arquivos diocesanos para facerlle a árbore xenealóxica, e deron con el.
O pasado mes de outubro detiveron en Narón a Roger Serafín Rodríguez, que recoñeceu os feitos. Segue internado no penal de Mansilla de las Mulas á espera do xuízo, que se celebrará na Audiencia Provincial da Coruña, con xurado popular.
Cando pechen a instrución saberase se o acusan de asasinato ou de homicidio, ademais do delito de agresión sexual.