Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Volta homenaxea o Tigre de Carril, con 83 anos pedalea 100 km cada día

A Volta homenaxea o Tigre de Carril, con 83 anos pedalea 100 km cada día

A afección de Avelino Barreiro polo ciclismo vén de vello, pero desde que enviuvou e se xubilou dedícalle unhas 12 horas diarias

Fai unha media de 20 mil quilómetros anuais

A Volta a España rendeulle homenaxe na fin de semana en Asturias

Avelino Barreiro posa con maillot de lider que lle regalaron na Volta
G24.gal 29/08/2022 14:36

Imaxinan pedalear máis de 100 quilómetros diarios, unha media de 20.000 ao ano, aos 83 anos? Pois esas son as cifras que fixeron popular a Avelino Barreiro, un veciño do Carril, en Vilagarcía, ao que a Volta a España acaba de homenaxear esta fin de semana en Asturias. Fixo da súa paixón polo ciclismo a súa rutina diaria.

Coma cada día, Avelino Barreiro ergueuse cedo e ás 9 da mañá xa pedaleara 15 quilómetros coa bicicleta de montaña antes de atendernos. Logo cambiou á de estrada, porque pretende facer unha tirada de máis de 100 km hoxe e así chegar aos 14.000 rodados no que vai de ano. É a súa rutina diaria desde que se xubilou. A súa afección polo ciclismo vén de vello, pero cando enviuvou aos 55 anos, converteuno case nun modo de vida e no que ademais non repara en gastos...

Cando comezou saía en grupo, pero agora di que non é quen de seguirlles o ritmo e prefire rodar só. Fai tiradas de 12 horas diarias e aínda é quen de nadar ao rematar, porque lle senta ben.

O seu espírito de sacrificio levouno a superar un accidente grave en 2019 que o deixou nunha cadeira de rodas. Di que lles teme aos coches porque os condutores non respectan moito os ciclistas, pero asegura que seguirá pedaleando mentres o corpo aguante.

Como moitos deportistas colga os seus adestramentos nunha aplicación onde ten un exército de seguidores. A súa popularidade fixo que a organización da Volta a España lle rendera unha emotiva homenaxe esta fin de semana en Asturias. E agora o Tigre de Carril, o alcume polo que é coñecido, loce orgulloso o xersei vermello de líder que lle regalaron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos