Aviso laranxa por mar de vento nas Rías Baixas e na Costa da Morte
Aviso laranxa por mar de vento nas Rías Baixas e na Costa da Morte
En terra, os refachos superan os 80 quilómetros por hora
As ondas poden acadar os 6 metros de altura no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra durante a madrugada do domingo
A Xunta pon en alerta as autoridades desas zonas
A Xunta prolonga a alerta laranxa para toda a madrugada do domingo, nun novo comunicado. Inicialmente a activación de medios para a alerta laranxa só estaba prevista para a madrugada do sábado, debido aos fortes ventos e a elevada ondada no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.
A Xunta mantén activa a alerta laranxa por vento de compoñente sur con refachos que poderían alcanzar os 100 quilómetros por hora no oeste e o suroeste da Coruña.
No noroeste da Coruña e na comarca luguesa da Mariña hai unha alerta amarela, a primeira nunha escala de tres, por ventos de ata 80 quilómetros por hora, que se estenderá ata mañá en zonas centrais e montañosas de Lugo. Ademais, a Xunta puxo tamén en estado de alerta amarela as autoridades por previsión de intensas choivas en varias zonas das provincias de Pontevedra e A Coruña.
Están previstas precipitacións elevadas no oeste e suroeste da Coruña e nas comarcas pontevedresas das Rías Baixas e o Baixo Miño. Menos intensas pero elevadas son as previsións de chuvia no interior e no suroeste da Coruña e en zonas centrais da provincia de Pontevedra.
A Xunta aconsella ás autoridades locais estar preparadas e precaución á poboación
A Xunta aconsella ás autoridades locais, servizos de emerxencia e de protección civil que estean preparados para intervir se fose necesario e advirte ás autoridades portuarias da necesidade de reforzar os amarres e os cabos das embarcacións.
Á poboación, a Xunta aconséllalle precaución e que se manteña afastada de diques, paseos marítimos e zonas costeiras expostas á ondada como medida de protección.
Por último, recomenda retirar obxectos de tellados e terrazas que poidan ser desprazados polo forte vento e tamén evitar pasar preto de edificios en ruína ou en construción, árbores ou paneis publicitarios.
Avisos activos por vento para este sábado
Durante esta xornada hai activos varios avisos meteorolóxicos por vento. O máis importante está no mar e afecta á Costa da Morte e ás Rías Baixas, con ventos do sur que sopran con forza oito. Os refachos en terra superan os oitenta quilómetros por hora.
En Corrubedo as embarcacións están amarradas. Saír a pescar non se considera unha opción segura.
"Para que imos ir ao mar. Somos mariñeiros, non suicidas", corrobora un veciño.
O vento, que convida á prudencia mariñeira, tamén se deixa sentir en terra. Pero a xente de Ribeira, que está curtida, bótalle humor ao asunto.
"Polo de agora nada, isto é un airiño para secar a roupa". "E logo que pensas, que co peso que teño vaime levar o vento? Ten sentidiño, home"
Na illa de Arousa, o mar de vento irá a máis nas próximas horas. A carón do mar, os refachos superan os oitenta quilómetros por hora.
"Veño precisamente por iso, para que vento me dea na cara", comenta un home que non renunciou ao paseo polo mal tempo.
Máis ao norte, na Coruña, o Concello decidiu pechar as praias, os parques e os xardíns. O vento, no mar e en terra, continuará durante toda a xornada e prevese que a situación empeore o domingo.