Aznar e Rajoy piden apoio sen fisuras a Alberto Núñez Feijóo no camiño á Moncloa
Aznar e Rajoy piden apoio sen fisuras a Alberto Núñez Feijóo no camiño á Moncloa
Os dous expresidentes de gobernos do PP, reunidos por primeira vez no mesmo escenario
O PP celebra en Valencia a Intermunicipal coa vista posta nos comicios de maio
José María Aznar e Mariano Rajoy compartiron escenario esta tarde na Intermunicipal que o Partido Popular celebra en Valencia. Alberto Núñez Feijóo reuniu os expresidentes para reivindicar a xestión realizada polos gobernos anteriores do Partido Popular.
A Intermunicipal que se celebra esta fin de semana en Valencia conseguiu reunir por primeira vez no mesmo escenario a José María Aznar e Mariano Rajoy, que acumulan 16 anos á fronte dun goberno do PP. Os populares lembran que Aznar chegou á Moncloa despois da vitoria nas eleccións municipais de 1995, e Rajoy, tras os comicios locais de 2011. Feijóo mostrouse orgulloso do legado dos dous presidentes e da unidade do partido.
"Imos liderar a España cansa, da política de bloques, do frontismo, do sinalamento, imos unir a todos os españois que cren que outra política é posible"
O expresidente Anzar asegura que o partido que lidera Núñez Feijóo é a unica esperanza para cambiar un goberno que está en rumbo de colisión polos seus pactos con extremistas, secesionistas e terroristas.
"É a nosa responsabilidade e a de partido é apoiar sen fisuras a Núñez Feijóo, que vai cumprir coa súa responsabilidade, co que lle piden os españois".
Rajoy cre que os concellos van ser a avanzada do cambio e reiterou o apoio a Feijóo e os chamamentos á unidade.
"Isto vai de Franquestein ou o PP, de Bildu ou PP, de secesión ou PP, e non hai máis". "É o ano da esperanza, toca devovler o lustre á política española".
Tanto Rajoy como Aznar reivindicaron o traballo da que foi alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, falecida en 2016, dous meses despois de darse de baixa no partido.