Besteiro admite a derrota electoral do PSdeG-PSOE e promete traballo de oposición desde o Parlamento de Galicia
Besteiro admite a derrota electoral do PSdeG-PSOE e promete traballo de oposición desde o Parlamento de Galicia
Besteiro admite a derrota electoral do PSdeG-PSOE e promete traballo de oposición desde o Parlamento de Galicia
Confirmou que tomará posesión da súa acta como deputado na cámara galega e abandonará o asento que ocupa no Congreso
O candidato socialista á presidencia da Xunta José Ramón Gómez Besteiro admitiu este domingo a derrota da súa formación nas eleccións deste 18 de febreiro e prometeu traballo de “oposición” desde o Parlamento galego.
Deste xeito, Besteiro confirmou que tomará posesión da súa acta como deputado na cámara galega e abandonará o asento que ocupa no Congreso desde as eleccións de xullo a que concorreu como cabeza de lista pola provincia de Lugo.
“Ningún cambio é fácil nin se consegue da noite para a mañá”, sinalou despois de que os resultados confirmasen os peores prognósticos para o PSdeG-PSOE, xa que o dato obtido por Besteiro é o peor da formación nuns comicios autonómicos. Perderon máis de corenta e cinco mil votantes e un terzo dos escanos. Retrocederon con forza en feudos municipais coma Vigo, cidade en que perderon máis de dez puntos.
Besteiro seguiu a porta pechada o escrutinio xunto aos seus colaboradores máis próximos, entre os que se atopan o secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso e o secretario de organización José Manuel Lage, dous dos seus principais valedores para ser o aspirante á Xunta.
Tras iso, o aspirante do PSdeG compareceu rodeado de boa parte do seu equipo, de cargos do partido e dos candidatos polas catro circunscricións, que dedicaron un sonoro aplauso a Besteiro.
Nesa intervención realizada ao fío das once da noite, apuntou que o partido non obtivo o resultado esperado pero incidiu en que é un obxectivo que non se cumpre “por agora”, xa que confía na posibilidade de cambio se o PSdeG é “capaz de articular consolidar un proxecto que sexa recoñecido entre a cidadanía” e ser a “alternativa real e segura” en Galicia.
Esa alternativa, incidiu, debe ter “o nome do PSOE” e, por iso, aos seus votantes pediulles ilusión porque hoxe comezan unha nova etapa.
Besteiro defendeu o “compromiso inquebrantable” que o PSdeG ten con Galicia e que mantén intacto para “dar resposta” a quen desexa un futuro mellor.
Insistiu en que no Parlamento realizará unha tarefa de “oposición” con que buscará “traer a Galicia as mellores oportunidades” mediante unha “política útil e sen trincheiras”.
“Non os imos defraudar, desde a oposición imos traballar para aquilo que sexa o mellor para os galegos. Hoxe iniciamos unha nova etapa en que reafirmamos o noso compromiso coa maioría social para o noso país”, expuxo Besteiro.
Finalmente, confirmou que antes de comparecer ante os medios, telefonou ao líder do PP galego Alfonso Rueda para felicitalo pola maioría conseguida polos populares, a quinta consecutiva do partido.
“Os socialistas somos demócratas e aceptamos sen reservas o mandato das urnas”, esgrimiu Besteiro nunha intervención en que non fixo autocrítica.
Sánchez dá os parabéns a Rueda e expresa o seu "recoñecemento" a Besteiro
O xefe do Executivo e líder do PSOE Pedro Sánchez deu os parabéns ao presidente da Xunta e candidato do PP á reelección Alfonso Rueda pola súa maioría absoluta nos comicios deste domingo, á vez que expresou o seu "recoñecemento" ao aspirante socialista José Ramón Gómez Besteiro.
Enhorabuena a @AlfonsoRuedaGal por su resultado en las elecciones de Galicia.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) February 18, 2024
Quiero agradecer a la militancia del @PSdeG y a los votantes socialistas su apoyo.
Mi reconocimiento a @jrgomezbesteiro por su máxima entrega en esta campaña. Desde mañana empezamos a trabajar para…
Nesta mensaxe en redes sociais, Sánchez tamén agradece o apoio da militancia do PSOE galego e dos votantes socialistas. Con máis do 98 % do resultado escrutado, o PSdeG obtivo o seu peor resultado, con nove escanos, cinco menos que nos comicios de 2020, cunha porcentaxe que excede lixeiramente o 14 % dos votos. Terá tres deputados pola Coruña, tres por Pontevedra, dous por Lugo e un por Ourense.
Así mesmo, o líder dos socialistas tamén expresa o seu "recoñecemento" a Besteiro pola súa "máxima entrega" na campaña destas eleccións. Por último, Sánchez chamou a empezar a traballar desde mañá "para construír a alternativa de progreso".
Ferraz apoia o liderado futuro de Besteiro
A portavoz do PSOE Esther Peña felicitou o PP pola súa vitoria nas eleccións autonómicas en Galicia, aínda que sinalou que a dereita "retrocede" en escanos. En todo caso admitiu que os socialistas non obtiveron un bo resultado e que non foi suficiente para lograr o cambio.
Ademais, apoiou ao candidato socialista José Ramón Gómez Besteiro a pesar de que obtivo o peor resultado dos socialistas nas eleccións galegas ao conseguir só nove escanos e perder cinco. Así, subliñou que confían "plenamente" en que Besteiro é o mellor líder para recuperar a confianza da maioría dos galegos e ademais sinalou que cando o PSOE lidera a alternativa á dereita "o cambio sempre está máis preto".
"Imos traballar o próximos catro anos co PSdG para darlles aos galegos unha alternativa e un proxecto de país que sexa capaz de aglutinar grandes maiorías sociais", terminou.