Publicador de contidos
Publicador de contidos

Boas perspectivas para o verán no sector turístico de Galicia

Boas perspectivas para o verán no sector turístico de Galicia

No primeiro cuadrimestre chegaron un millón trescentos mil visitantes

A directora xeral de Turismo asegura que o sector segue medrando de xeito sostible

G24.gal 03/06/2023 14:01 Última actualización 03/06/2023 14:08

A menos de vinte días para que entre o verán, as perspectivas turísticas en Galicia son optimistas. Segundo os datos da Xunta, no que levamos de ano xa se superou o millón de visitantes e os dous millóns de pernoctacións. A directora de turismo, Nava Castro, que deixa o cargo para ser a alcaldesa de Ponteareas, destaca a boa saúde dun sector que medra, di, de xeito sostible e diversificando a oferta.

Asegura que cando chegou ao cargo en 2013 Galicia recibía pouco máis de tres millóns de turistas e rexistraba uns seis millóns de pernoctacións. O ano pasado contabilizaron seis millóns e medio de visitantes, e máis de 12 millóns de pernoctacións. E no primeiro cuadrimestre deste 2023 Galicia recibiu un millón trescentos mil turistas.

 "Esperamos seguir avanzando, acumulando e incrementando, pero de xeito sostible, aquí en Galicia sabemos poñer límites e temos o exemplo claro na praia das Catedrais ou nas illas Cíes ou nas atlánticas"

Ante as protestas dos veciños de Santiago e outras cidades pola presión turística, Castro cre que a resposta é diversificar. Neste sentido lembra que a oferta en Galicia cobre todos os meses do ano con opción coma o termalismo, a ruta do viño ou a das camelias, dentro dos trens turísticos.

"Comezamos con dous trens turísticos e agora pechamos con 14 trens, máis de 2.600 prazas e dúas novidades este ano, como son as camelias en flor, e a seguinte novidade foi o museo MEGA, a experiencia, tamén visitando a plantación de Abegondo, onde podes ver todo o proceso para facer a cervexa (...). "E despois están o resto dos trens, o ano pasado levabamos o dos queixos, que tamén funciona moi ben"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade