Bombean 41.000 litros de combustible e auga do buque varado en Xibraltar
Bombean 41.000 litros de combustible e auga do buque varado en Xibraltar
Retiran 17.000 litros dunha das barreiras de absorción da vertedura
A praia de Poniente, en La Línea, volve ser apta para o baño
Continúa o baleirado de fuel e auga do buque sinistrado fronte ás costas de Xibraltar. Nas últimas horas conseguiron sacar 41.000 litros dun dos tanques, e outros 17.000 litros do combustible vertido ao mar.
Os 41.000 litros de combustible e auga retirados estaban no tanque 1 do centro de estribor do buque varado na cara leste de Xibraltar.
Segundo o goberno xibraltareño, os labores de bombeo continuarán noutras partes deste tanque e unha vez concluídos revisarán o tanque 2 para eliminar calquera resto de combustible ao que non puideron acceder antes.
Manchas flotantes
Tamén se traballa na eliminación das manchas flotantes, con barreiras e máquinas que absorben o gasóleo.
De momento non hai indicios de que haxa máis manchas pero os responsables do operativo están alerta por se un cambio nas mareas ou as correntes trae novos restos.
Nesta vixilancia participa o grupo Garza da Policía Autonómica andaluza. Sen adentrarse en augas xibraltareñas, estes axentes comproban que non haxa restos de hidrocarburos.
"O que facemos basicamente é colaborar con Medio Ambiente e cos barcos que veñan para aquí para ver o tema este da vertedura, principalmente que non chegue á beira e se chega avisamos os bañistas para que non os prexudique", explica o axente Luis Bengoa.
Apta para o baño
A praia de Poniente, en La Línea, volve ser apta para o baño e mentres, no estaleiro Cernaval de Cádiz, continúan os traballos de reparación do segundo barco implicado neste accidente.