Publicador de contidos
Publicador de contidos

A participación nas eleccións vascas situouse no 51 % ata as 18:00 horas

A participación nas eleccións vascas situouse no 51 % ata as 18:00 horas

Preto de 1,8 millóns de persoas están chamadas ás urnas nestes comicios

Segundo as enquisas, EH Bildu podería disputarlle o primeiro posto ao PNV

Un home mete a papeleta na urna en Durango, Biscaia. EFE/Luis Tejido
G24.gal 21/04/2024 09:29 Última actualización 21/04/2024 20:08

A participación nas eleccións vascas ata as 18:00 horas era do 51 %, segundo informou nunha comparecencia sen preguntas o vicelehendakari e conselleiro de Seguridade, Josu Erkoreka.

Este dato non se pode comparar coa participación nos comicios de hai catro anos porque a recollida de datos levouse a cabo en horas diferentes.

Por territorios, en Biscaia a participación era do 51,9 %; en Guipúscoa do 50,7 %, e en Áraba, do 48,7  %. Respecto ás capitais, Bilbao alcanzaba o 50,3 %; San Sebastián, o 51,5 %, e Vitoria, o 47,8 %.

Erkoreka salientou que a xornada electoral se está a desenvolver con normalidade e sen incidencias.

Votación dos candidatos

O candidato de EH Bildu foi un dos máis madrugadores en depositar o seu voto. Fíxoo na pequena localidade rural biscaíña de Otxandio, onde foi concelleiro. 

O candidato foi recibido entre aplausos á entrada do colexio electoral. Tras depositar a papeleta, Pello Otxandiano fixo un chamamento a "poñer en marcha un cambio".

"Temos a posibilidade de que os mesmos deixen de facer o mesmo, a oportunidade de reverter esta situación, de traer un cambio a este país, a esta parte do país", asegurou.

O seu rival, o candidato do PNV a lehendakari votaba pasadas as once da mañá en Portugalete. Alí, Imanol Pradales destacaba esta xornada como un día "moi importante para o futuro de Euskadi" e facía un chamamento á participación.

"É un día moi importante para o futuro de Euskadi. Hoxe elíxese o Goberno de Euskadi, e polo tanto gustaríame que todas as persoas deste país participaran co seu voto nestas eleccións", destacou.

O candidato dos socialistas vascos votaba tamén en Portugalete, ao igual que Pradales. Eneko Andueza fixo un chamamento a votar porque, segundo dixo, "é responsabilidade de todos decidir o futuro" do País Vasco.

"Euskadi xoga o seu futuro, o dos nosos fillos e fillas. Xogamos o noso estado de benestar, os servizos públicos", dixo.

O cabeza de lista do PP votaba sobre as nove e media da mañá en Vitoria. Tras depositar a papeleta, Javier de Andrés asegurou confiar en ter, segundo dixo, un gran apoio dos votantes.

"Lograr ser decisivos na vindeira lexislatura porque é necesaria a centralidade que nós achegamos", di Javier de Andrés, candidato do PP.

O lehendakari en funcións, Íñigo Urkullu, dixo estar confiado en que se vai dar unha alta participación e sinalou que deixará o cargo... 

"Coa sensación dun traballo realizado, dun camiño percorrido e que intentamos facelo o mellor posible".

A candidata de Sumar depositaba os seu voto en Bilbao e a de Elkarrekin Podemos en Durango. 

Xornada incerta

A xornada electoral máis incerta en Euskadi dos últimos anos botou a andar ás 9:00 horas deste domingo coa incógnita do triunfo do PNV, tradicional gañador destes comicios, ou de EH Bildu, que por primeira vez na historia pode disputarlle ese posto, segundo as enquisas.

Nunha xornada solleira e fresca, preto de 1,8 millóns de persoas están chamadas a votar nestes comicios nos que están en xogo os 75 escanos do Parlamento de Euskadi para iniciar a súa décimo terceira lexislatura.

Partidos con posibilidades

Entre as catorce candidaturas que concorren ás eleccións, os partidos con posibilidades reais e certas de obter representación na Cámara vasca son o PNV, EH Bildu, o PSE/EE e o PP.

As dúbidas recaen en Sumar e Elkarrekin Podemos, tras a escisión desta franxa da esquerda, e tamén en Vox, partido que só conseguiu un único escano por Áraba a pasada lexislatura.

Tamén son as primeiras eleccións en case dez anos cun cambio total de caras xa que as principais formacións (PNV, EH Bildu, PSE/EE e PP) renovaron as persoas aspirantes a lehendakari.

Unha muller vota en Durango, Biscaia. EFE/Luis Tejido Unha muller vota en Durango, Biscaia. EFE/Luis Tejido

Normalidade na constitución das mesas

A normalidade protagonizou a constitución das mesas electorais nos 729 locais electorais habilitados, 32 menos que fai catro anos, con 2.695 urnas e 8.085 persoas como presidentes e vocais.

Nos colexios tamén hai 1.450 representantes da administración pública e 1.750 interventores dos partidos.

Das 82.911 persoas que viven de xeito permanente no estranxeiro e están inscritas no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA), votaron 8.219, cifra que é xa un 3,5 % superior á rexistrada nos anteriores comicios.

Un total de 54.559 persoas votaron por correo, o que supón un 52,8 % menos ca a cifra total de votos admitidos nas eleccións pasadas, cando, por mor da pandemia, disparouse esta modalidade de sufraxio.

O dispositivo de seguridade preparado para a xornada electoral estará composto por máis de 1.200 axentes da Ertzaintza e das policías locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade