Británicos e turistas enchen as rúas de Londres para seguir a cerimonia
Británicos e turistas enchen as rúas de Londres para seguir a cerimonia
O evento leva á capital británica visitantes de todo o mundo
A coroación de Carlos III desatou vítores e lágrimas de alegría entre os milleiros de persoas que seguiron o acontecemento en directo nas rúas de Londres.
Unha muller declarábase feliz de que chegara o día, de ter rei novo.
Mentres algúns entoaban o himno nacional, outros brindaban, coma un grupo de portugueses residentes en Inglaterra. Un deles explicaba que unha vez que vives alí tenche que gustar un pouco a monarquía.
Moitos dos asistentes ao evento pasaron a noite, e uns poucos mesmo días, gardando sitio, pasando ás veces frío e por momentos baixo a chuvia.
Unhas mulleres que esperaron máis de 18 horas, admitían que fora unha xornada longa e pasada por auga pero que valera a pena e que se alegraban de ver a coroa na cabeza de Carlos III.
Un home afirmaba que son os mellores do mundo en pompa e cerimonia e que o de hoxe fora un exemplo fantástico.
O evento tamén levou a Londres turistas de todo o mundo.
"Gústame o sentimento de unidade que teñen os ingleses, todos, coa súa familia real", aseguraba un español de 22 anos.
Unha francesa explicaba que quería vivir a atmosfera deste momento histórico e unha moza suíza defendía que a monarquía é unha institución importante para Europa. Ao tempo, unha norteamericana de 79 anos declarábase emocionada de seguir a coroación en persoa, logo de ver a de Isabel II na televisión cando era nena.