Bruxelas investiga se Apple, Alphabet e Meta cumpren a nova lei antimonopolio da UE
Bruxelas investiga se Apple, Alphabet e Meta cumpren a nova lei antimonopolio da UE
Cre que Apple e Alphabet non tomaron medidas efectivas para permitir que os desenvolvedores de aplicacións móbiles se comuniquen libremente cos seus clientes para ofrecerlles ofertas á marxe das tendas de apps destas dúas compañías
Considera que Alphabet segue priorizando os seus propios servizos de procura no buscador de Google fronte aos da competencia, por exemplo en Google Shopping, Google Flights e Google Hotels
A Comisión Europea abriu este luns unha investigación a Apple, Alphabet e Meta porque sospeita que non están a cumprir coa lei de mercados dixitais, a nova norma antimonopolio coa que Bruxelas quere controlar o poder de mercado das grandes plataformas.
Cre que Apple e Alphabet non tomaron medidas efectivas para permitir que os desenvolvedores de aplicacións móbiles se comuniquen libremente cos seus clientes para ofrecerlles ofertas á marxe das tendas de apps destas dúas compañías (a App Store e Google Play) e sen ter que pagarlles a estas unha taxa. Tamén considera que Alphabet segue priorizando os seus propios servizos de procura no buscador de Google fronte aos da competencia, por exemplo en Google Shopping, Google Flights e Google Hotels.
A Comisión tamén dubida de que os cambios que introduciu Apple para cumprir coa normativa permitan aos usuarios desinstalar facilmente as aplicacións móbiles que a compañía instala por defecto nos seus dispositivos para poder buscar alternativas, por exemplo, ao navegador Safari.
En canto a Meta, Bruxelas está a investigar a alternativa de pago que deu aos seus clientes que non queiran que a empresa combine os seus datos persoais entre as súas diferentes plataformas, xa que cre que non lles está ofrecendo unha alternativa real para garantir a súa privacidade.
Bruxelas ten a intención de concluír a investigación nun prazo de 12 meses e iniciouna dúas semanas despois de que Apple, Alphabet, Meta, Microsoft, Amazon e ByteDace tivesen que empezar a cumprir coa lei de mercados dixitais e nun momento en que o Goberno dos Estados Unidos tamén incrementou o control contra as grandes compañías.
Se tras terminar a investigación confirma as súas sospeitas, Bruxelas explicaralles que medidas deben tomar ou cales tomará a propia Comisión, que poderían supoñer unha multa do 10 % da súa facturación global ou do 20 % se infrinxen a normativa de forma reiterada.
"Estivemos falando durante meses coas grandes plataformas para axudarlles a adaptarse (á normativa) e xa podemos ver que están a ocorrer cambios no mercado. Pero non estamos convencidos de que as solucións de Alphabet, Apple e Meta respecten as súas obrigacións", dixo o comisario de Mercado Interior, Thierry Breton.
Por outra banda, o Executivo comunitario tamén quere clarificar se Amazon está a dar prioridade aos seus propios servizos na súa propia plataforma e a nova estrutura de tarifas que Apple introduciu na súa App Store para permitir que os usuarios poidan adquirir aplicacións móbiles a través das tendas da competencia ou de Internet. Ademais, a Comisión pediu Apple, Alphabet, Meta, Amazon e Microsoft que garden documentación que poida ser útil para pescudar se están a cumprir coa lei de mercados dixitais.