Bruxelas só revisará o veto á pesca de fondo en primavera
Bruxelas só revisará o veto á pesca de fondo en primavera
Os eurodeputados galegos e a Comisión cruzaron acusacións sobre o veto no Comité de Pesca do Parlamento Europeo
O palangre tampouco será retirado da prohibición
Bruxelas acusa directamente a España de non ter enviados datos científicos sobre as áreas a que se aplica a prohibición á pesca de fondo
Dende Bruxelas seguen sen chegar boas novas para a pesca.
A prohibición ás artes de fondo en 87 áreas mariñas xa está en vigor e agora a Comisión advirte que o regulamento non se revisará ata a primavera.
Na Eurocámara foi unha xornada de debate duro e con cruce de acusacións entre os eurodeputados galegos, os españois e a Comisión Europea.
Bruxelas acusa directamente a España de non ter enviados datos científicos sobre as áreas a que se aplica a prohibición á pesca de fondo.
Fontes diplomáticas desmenten totalmente esta acusación.
Ao debate no Parlamento Europeo non foi o comisario de Pesca, afectado por problemas de saúde.
Pero o seu director xeral négase rotundamente á revisión do regulamento, como moi cedo di que chegará en primavera. E outra mala nova para a frota galega e a española. O palangre tampouco será retirado da prohibición, está considerado como unha arte de fondo, igual que as redes de arrastre.
"Non houbo estudo do impacto socioeconómico. Estanse metendo tipos de artes como o palangre e, ao mesmo tempo, estamos sen ningún plan de paliar os efectos desta decisión; para nós é unha profunda ruína", di Ana Miranda, eurodeputada do BNG.
"Penso que foron moi ríxidos. Ten moitas carencias, fixeron unha lectura indiscriminada do informe do ICES. Onde o ICES distingue eles non queren distinguir. Por outra parte, está carente de estudo de impacto e de apoio político", afirma Francisco Millán Mon, eurodeputado do PPdeG
"Non entendemos esta postura da Comisión Europea. Se en dous meses din que van revisar, por que non se suspende agora? Se din que son poucos os espazos afectados, a nós parécennos moitos, por que se pechan? Nós queremos ter estas respostas e non as temos", asegura Nicolás González, eurodeputado do PSdeG.