Bruxelas ve "inaceptable" a intención de Londres de non aplicar o protocolo irlándes
Bruxelas ve "inaceptable" a intención de Londres de non aplicar o protocolo irlándes
Á posible suspensión unilateral do protocolo asinado co brexit, os Vinte e sete poderían responder con outras medidas punitivas
O protocolo establece que Irlanda do Norte segue vinculada ao mercado único comunitario
A Comisión Europea (CE) asegurou este xoves que a acción unilateral por parte do Reino Unido encamiñada a deixar de aplicar o protocolo que evita a aparición dunha fronteira física en Irlanda tras o brexit "simplemente non é aceptable".
O vicepresidente da CE encargado do Brexit, Maros Sefcovic, pronunciouse nese sentido tras manter unha conversa telefónica hoxe coa ministra de Exteriores do Reino Unido, Liz Truss, nun contexto no que Londres tentea a posibilidade de anular unilateralmente disposicións do protocolo irlandés asinado coa Unión Europea como parte do pacto do brexit.
Á posible suspensión unilateral do protocolo desde o Reino Unido, os Vinte e sete poderían responder con outras medidas punitivas. "Estou convencido de que só as solucións conxuntas funcionarán. A acción unilateral, que de feito deixa de aplicar un acordo internacional como o protocolo, simplemente non é aceptable", declarou Sefcovic nun comunicado.
Engadiu que ese paso "socavaría a confianza entre a UE e o Reino Unido e comprometería o noso obxectivo final", en referencia á protección do acordo de paz do Venres Santo. "Tal acción unilateral tamén socavará as condicións que son esenciais para que Irlanda do Norte continúe tendo acceso ao mercado único de bens da UE", constatou.
O protocolo establece que Irlanda do Norte segue vinculada ao mercado único comunitario para bens, polo que as mercadorías que cruzan entre o resto do Reino Unido e ese territorio deben pasar controis aduaneiros nos portos da rexión, de maneira que se asegure que a fronteira entre as dúas Irlandas segue sendo invisible, clave para o proceso de paz e as economías da illa.
Con todo, a nova carga burocrática provocou escaseza de produtos e tensións políticas en Irlanda do Norte, sobre todo, na comunidade unionista.
Para resolver algúns dos problemas derivados da implementación do protocolo e asegurar a súa total aplicación, a Comisión Europea e o Reino Unido levan meses negociando posibles solucións, sen lograr un acordo definitivo.
Ademais, tras a histórica vitoria dos nacionalistas do Sinn Féin nas eleccións de Irlanda do Norte, o Partido Democrático Unionista (DUP), segundo neses comicios, négase a estar nun Executivo encabezado polo Sinn Féin se as conversas que manteñen Londres e Bruxelas non desembocan na eliminación de partes do protocolo.