Bugallo non ve elementos para levar á Fiscalía o caso Pichel
Bugallo non ve elementos para levar á Fiscalía o caso Pichel
O PP cualifica o caso de "grande escándalo" e di que o levará a Fiscalía
Desde o BNG quéixanse da "falta de transparencia" do Goberno local
Compostela Aberta denuncia a "opacidade" do executivo e táchao de "enganar a cidadanía"
Os grupos da oposición en Santiago de Compostela -PP, Compostela Aberta e BNG- cercaron este xoves o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, ao que lle reprocharon falta de valentía e transparencia por non levar á Fiscalía o caso do alugueiro irregular dunha nave industrial que fixo dimitir o concelleiro socialista José Manuel Pichel.
O rexedor compareceu nun pleno extraordinario. Insistiu en que esa operación se autorizou porque “ningún membro do Goberno coñecía a relación do concelleiro coa empresa".
A licenza foi “concedida con todos os informes favorables” e cos “mesmos criterios” que outras tantas operacións polo que non ven elementos para acudir á Fiscalía.
"Temos un expediente pechado, tramitado de acordo cos procedementos cos que se veñen tramitando todos os expedientes" di Sánchez Bugallo.
Así, Bugallo censurou a actuación do exedil ao non informar ao concello da súa relación coa empresa. Considerou que Pichel “tomou a decisión que tiña que tomar ao presentar a súa dimisión”.
"En relación á actuación do señor Pichel, el mesmo clarificou cal era a súa situación e a súa actuación, el mesmo clarificou na súa rolda de prensa que ningún membro do Goberno coñecía a súa posición nin a súa relación con esa empresa, e iso é así"
O rexedor defendeu a “dilixencia” coa que actuou o seu goberno.
O portavoz do grupo municipal do PP, José Antonio Constenla, avanzou que o seu grupo si levará o caso á Fiscalía. Cargou contra as “irregularidades” que rodean este caso que obedece a un “contrato a dedo” que supón “un grande escándalo”.
"Se non hai nada que esconder, a mellor maneira é que un órgano independente como a Fiscalía diga 'si, en efecto, todo ese conxunto de, ao noso xuízo, irregularidade non son tales'. Ben, pois vostede non o vai facer, vaino facer o Partido Popular, vostede non se preocupe. E en calquera caso, eu penso que é unha oportunidade perdida para gañar a credibilidade que está a perder día tras día", asegura José Antonio Constenla.
O edil popular lembrou que o Goberno formalizou un acordo que, ao longo do último ano, suporía o desembolso de 4.900 euros mensuais a esta empresa que estivo vinculada a altos cargos do PSOE galego, así como a sindicalistas de centrais como UXT e Unións Agrarias.
Desde o BNG, Goretti Sanmartín lamentou a falla de “transparencia” do Goberno local, que pon en cuestión a “honradez” do Goberno que pretende “pechar o debate en falso” ao “enredar” e tentar gañar tempo.
Por parte de Compostela Aberta, María Rozas, denunciou a opacidade do executivo que está “a enganar a toda a cidadanía” sen querer poñer “luz e taquígrafos” sobre o sucedido a pesar da gravidade da operación e a repercusión para o Concello.