Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bunbury deixará os escenarios por problemas de gorxa

Bunbury deixará os escenarios por problemas de gorxa

"O que normalmente era pracer e deleite converteuse en fonte de inmensa dor e sufrimento", asegura

O cantante dará o seu último concerto en Valencia o 24 de setembro

G24.gal 28/02/2022 16:16

O cantante Enrique Bunbury anunciou que se retirará dos escenarios a partir de setembro deste ano, cando cumpra os seus compromisos en España e os EUA, debido a problemas de gorxa e vías respiratorias: "O que normalmente era pracer e deleite converteuse en fonte de inmensa dor e sufrimento".

"Tomei a decisión, moi meditada e consciente, de abandonar a miña actividade interpretativa, nos concertos e circuítos", asegura o cantante, de 54 anos, nun comunicado compartido en redes sociais.

A decisión tomouna tras unha recente xira por México. Bunbury asegura que desde hai uns anos cada vez que inicia unha viaxe ou show "un compendio de síntomas e dores" acompáñano desde a mañá ata o momento de subir ao escenario. 

Este malestar, que leva anos arrastrando e que lle custou moito "localizar e comprender", inclúe que a garganta se lle pecha e irrítase e as vías respiratorias "dificultan o máis leve exercicio", afirma, problemas para os que escoitou "diferentes nomes e diagnósticos".

A partir de agora, Bunbury considera que se abre ante el "unha infinidade de posibilidades, nas que o creativo, é dicir, compoñer cancións, gravar discos, pintar e escribir libros de poesía, forman parte dos meus obxectivos", di.

"Teño a idade para facer este cambio importante na miña vida e o apoio da miña familia e management", remarca o artista, que recoñece que nos seus 35 anos de carreira subiu "nos mellores escenarios do mundo e nalgúns dos peores".

Bunbury explica que leva padecendo estes problemas posiblemente desde a xira de 'Mutacións' en 2015-2016, e sobre todo no circuíto de dous anos e medio de 'Expectativas', entre 2017 e 2019.

Tras a parada obrigada pola pandemia, o cantante creu que quizais o seu mal se diluíra e as ganas de reencontrarse con público, técnicos e músicos encima dun escenario eran "unha forza moito máis poderosa" que finalmente non frutificou.

Segundo esta decisión adoptada polo cantante e as datas que aparecen na súa web, o seu último concerto será en Valencia o 24 de setembro.

Antes diso, tocará o 28 de xullo en Murcia; o 30 de xullo en Mallorca; o 6 de agosto en Málaga; o 20 de agosto en Alacante; en Zaragoza, cidade en que naceu, os días 2 e 3 de setembro; o 8 de setembro en Granada; o 10 de setembro en Madrid e o 15 en Barcelona.

Ademais, tocará o 6 de maio en Nova York; o 8, en Washington; o 10, en Atlanta (Xeorxia); o 12 de maio, en Dallas (Texas); o 14, en Houston (Texas); o 17, en San Antonio (Texas); o 20, no Paso (Texas); o 22, en Tucson (Arizona); o 24, en San Diego (California); o 27, nos Ánxeles (California); o 29, en Reno (Nevada); o 31 de maio, en San Francisco (California); o 2 de xuño, en San José (California); o 4, nas Vegas (Nevada), e o 6 de xuño, en Anaheim (California).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade