Buscan en Pontevedra a pegada xenética de Cristovo Colón
Buscan en Pontevedra a pegada xenética de Cristovo Colón
Comezaron os traballos arqueolóxicos para comprobar a súa orixe galega
Os investigadores buscan ADN dos seus posibles antepasados en Poio e en Vilagarcía
A teoría de que Cristovo Colón era galego é vella, pero nunca antes se estivo tan cerca de comprobar se é certa.
Despois de vinte anos de investigación empezaron en Pontevedra os traballos arqueolóxicos para buscar a pegada xenética que confirme a súa vinculación con Galicia.
Os investigadores buscan mostras de ADN de posibles antepasados de Colón para cotexalos co seus restos, que se conservan na catedral de Sevilla.
Parentes soterrados en Poio
Crese que no adro vello da igrexa de San Salvador de Poio están soterrados algúns dos seus familiares.
Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristovo Colón Galego, di. "Sabemos que hai unha familia Colón, un clan Colón que viviu aquí e que tivo negocios co mosteiro de Poio".
Mateo Fontán, arqueólogo, confirma: "Apareceron algúns ósos que terán que ser debidamente analizados e oxalá sirvan para a investigación".
O outro escenario da investigación é a igrexa de Sobrán, en Vilagarcía de Arousa. Nos próximos días vaise abrir un sarcófago funerario onde está soterrado un relixioso, que, segundo certas teorías, podería estar emparentado con Colón.
"É un sartego do século XVI, onde está soterrado Xohán Mariño de Soutomaior", confirma o arqueólogo Antonio Castro.
Colón, da familia Soutomaior
Eduardo Esteban explica: "Todo apunta a que Colón era un Soutomaior, probablemente un fillo bastardo da casa de Soutomaior, unha casa moi importante en Galicia".
Todas as mostras que se consigan vanse enviar á Universidade de Granada, a que coordina a investigación. Esta é xa a última fase do estudo, a definitiva, para confirmar ou desmentir a orixe galega do descubridor de América.
Regis Francisco, director do documental Colón ADN: su verdadero origen, considera: "Hoxe é un día moi importante para Galicia, pero tamén para a historia de España e para a historia universal. Porque é posible que por fin se logre coñecer a orixe de Colón".
Para coñecer as conclusións haberá que agardar aínda uns meses.