Publicador de contidos
Publicador de contidos

C. Tangana, protagonista indiscutible da primeira xornada do Son do Camiño

C. Tangana, protagonista indiscutible da primeira xornada do Son do Camiño

40.000 espectadores asistiron entusiasmados ao seu concerto

G24.gal 16/06/2022 23:43 Última actualización 17/06/2022 16:46

O artista C. Tangana foi o gran protagonista este xoves da festa de regreso de O Son do Camiño tres anos despois da última edición deste festival, que neste 2022 se desprendeu de ataduras e apostou por converter o recinto do Monte do Gozo nunha celebración desde primeiras horas da tarde conxugando reguetón, pop e música electrónica, rock e sons alternativos.

Organización e artistas pasaron páxina do grave accidente ocorrido o pasado venres tras a derruba dun dos escenarios durante a montaxe.

Pasadas as dez da noite, varios minutos máis tarde da hora prevista, Antón Álvarez Alfaro -o nome que se agocha tras a máscara de C. Tangana- saíu ao escenario principal do recinto para actuar ante 40.000 espectadores.

Co escenario compartido

Xunto a el estiveron colaboradores habituais nesta xira 'Sin cantar ni afinar', como A Húngara ou Antonio Carmona, sentados nun bar enxebre -copas de Soberano incluídas- que serviu de pano de fondo para un espectáculo coidadosamente medido.

O rap agresivo de 'Still  rappin', do seu mixtape 'Avida Dollars', foi a elección para abrir un concerto celebrado desde o foxo e as bancadas do Monte  do Gozo, e no que tivo gran presenza o último traballo deste autor, o recente disco 'El Madrileño', que consagrou a C. Tangana entre os artistas de referencia do panorama nacional.

Rumba ('Ingobernable', 'Me maten'), pasos de Semana Santa ('Demasiadas mujeres'),  bachata ('Ateo') ou bossa nova ('Comerte entera') soaron en O Son do Camiño, nun concerto que mostrou as infinitas caras de C. Tangana.

O artista agasallou o público con 'Antes de morirme', unha das súas colaboracións con Rosalía, no tramo final do concerto, para celebración de moitos dos presentes.

Para terminar, soaron 'Tú me dejaste de querer' só con acompañamento de guitarra e co cantante en camiseta de sisas; "Un veneno", que pechou o concerto, unha marca máis no revólver dun C. Tangana que mañá presidirá a programación do festival Sónar, en Barcelona.

Unha programación ecléctica

Furious Monkey House inaugurou o escenario principal ás 15:30 horas, cun concerto guitarreiro. Un espírito que retomaron The Killer Barbies desde o secundario.

Con todo, e pese ao temperán reclamo dun histórico do rap como Kase.O co seu 'Jazz  Magnetism', tiveron que pasar varias horas ata que chegasen a maioría dos asistentes.

O primeiro gran concerto do día foi o do reguetoneiro portorriqueño Jhay Cortez, xa ante miles de persoas, a pesar de celebrarse a media tarde.

"Séguenme ou non me seguen?", preguntou case a cada canción, para euforia dun público que enseguida baixou as revolucións cos concertos que seguiron a continuación.

O pop meloso de Carlos Sadness cativou os que optaron por desprazarse ao escenario secundario, aínda que a maioría preferiu recargar bebida e esperar na zona principal á saída dos británicos Foals.

O rock alternativo dos ingleses non terminou de mesturar ben co que esperaban os asistentes e, aínda que temas enérxicos como 'Mountain at my gates' ou 'My number' funcionaron de forma correcta, a recepción dos medios tempos clásicos da banda como 'Spanish Sahara' foi bastante morna, especialmente unha vez a choiva fixo acto de presenza.

Por sorte, foron catro pingas que quedaron en anécdota e 'Two steps, twice', do seu primeiro disco, puxo o peche a un concerto solvente, aínda que necesitado de maior conexión entre platea e tribuna.

Todo o contrario do que ocorreu despois con Sen Senra. O músico galego aproveitou a súa condición de local e saíu ao escenario acompañado unicamente polo seu mestre de mesturas, co que, ao son de cancións redondas como 'Perfecto' ou 'Non fai falta', fixo as delicias dun público que, nas primeiras filas, chegaba a profesar auténtica devoción pola súa figura.

Para o tramo final do festival no seu primeiro día quedan reclamos como o pop romántico do artista colombiano Sebastián  Yatra -no seu primeiro concerto da xira en España-, o trap galego de Boyanka Kostova, os ritmos urbanos e bailables de Lola Índigo, ou o gran atractivo internacional da xornada, o dúo de música electrónica británico The  Chemical  Brothers.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade