Caballero di que "toda España" recea de elección de sedes por "manipulación absoluta"
Caballero, nun audio remitido aos medios de comunicación, afeou o "silencio" do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este mércores que "toda España" recea do proceso de elección das sedes do Mundial de 2030, despois de que transcendese que a cidade galega estaba inicialmente entre as once seleccionadas no país e posteriormente quedou fóra.
Caballero, nun audio remitido aos medios de comunicación, afeou o "silencio" do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, a este respecto.
"Está medio mundo atendendo ao que está a pasar en España e todo este escándalo inenarrable da selección das sedes e Louzán non di nada. O presidente da Federación non di nada. Bueno, parece que filtra que el non era o presidente cando se tomou a decisión. Non, el era o vicepresidente e presidía a Federacion Galega", precisou o alcalde.
Caballero preguntouse que cambiou para que Vigo estivese dentro do Mundial na primeira listaxe e fóra no segundo e dixo que "a desconfianza é total" polo escurantismo que hai no proceso.
"Toda España desconfía desta decisión. Todo o mundo ve claramente, despois das informacións do Mundo, que isto foi unha manipulación absoluta", sinalou.
Para o rexedor vigués "é tan claro" que Louzán "está metido de cheo en todo isto, que quen di que Vigo e Valencia están fóra do Mundial é el" o 5 de xullo nun acto federativo no estadio de Riazor, 14 días antes de que lle comunicasen a decisión oficialmente a Vigo.
Como o seu xefe de filas en Galicia, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Caballero pediu o cesamento do conselleiro de Deportes, Diego Calvo, por dicir que a exclusión de Vigo do Mundial reflicte a "ausencia de influencia do Goberno local".