Cae unha rede que elaboraba lambetadas de marihuana en Barcelona para toda Europa
Cae unha rede que elaboraba lambetadas de marihuana en Barcelona para toda Europa
A Garda Civil incáutase de 5.000 lambetadas en forma de osiños feitas con marihuana nun laboratorio clandestino
A organización recibía pedidos por medio da "Deep Web" para envialos por toda Europa
O seu consumo representa un perigo para a saúde polo uso de químicos e a súa alta carga de THC
Axentes da Garda Civil detiveron tres persoas nunha operación que permitiu desmantelar un laboratorio no centro de Barcelona que fabricaba lambetadas de marihuana en forma de osiños de cores e enviábaas por toda Europa mediante envíos de paquetería postal.
Na operación arrestaron tres persoas de orixe británica, holandesa e rusa, que xa ingresaron en prisión preventiva por un delito de tráfico de drogas, e iincautáronse de 5.000 lambetadas de marihuana, 70 envíos, 12 quilos de marihuana, 6 de haxix e material para a fabricación, envasado e distribución da droga.
A investigación comezou tras interceptar unha serie de envíos de paquetería postal de lambetadas creadas con marihuana a diferentes puntos de Europa (Alemaña, Francia, Italia, Holanda, Portugal, Croacia).
Nun piso do centro de Barcelona comprobaron que se trataba dun laboratorio no que a organización criminal creaba as lambetadas en forma de osiños de cores a base de marihuana e outros compoñentes químicos prexudiciais para a saúde.
Venda pola "Deep Web"
A organización criminal, asentada en Barcelona, recibía os pedidos a través de aplicacións encriptadas de mensaxería instantánea ou na “Deep Web” e enviaban mediante paquetería postal as lambetadas de marihuana ocultas no seu interior a numerosos países de Europa.
O envío mínimo urxente sería de 35 euros e o osiño doce roldaría os 10 euros. Trátase dunha estimación, xa que se trata dunha media en relación aos envíos, que contaban con dúas ou tres lambetadas cada un.
Axentes da Unidade orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Barcelona realizaron esta operación contra o tráfico de drogas.