Calviño rexeita poñerse para unha fotografía nun foro por ser a única muller
Calviño rexeita poñerse para unha fotografía nun foro por ser a única muller
Ao finalizar o evento, e unha vez que se incorporou outra participante, Calviño accedeu "por coherencia" a participar na foto oficial
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a coruñesa Nadia Calviño, rexeitou fotografarse cos organizadores do primeiro Fórum sobre liderado empresarial e directivo Madrid Leaders Forum por ser a única muller, tal e como advertira hai meses que faría se se daba esta circunstancia.
Á entrada do evento organizado pola Confederación Empresarial de Madrid CEIM-CEOE este martes no recinto feiral de Ifema, cando estaba previsto realizar a fotografía oficial, a vicepresidenta comunicou ao presidente da patronal madrileña CEIM Miguel Garrido que non participaría no posado, segundo puido constatar a Axencia EFE.
O pasado mes de febreiro, Calviño xa advertiu de que non volvería fotografarse ou participar nun debate en que fose a única muller. "Non podemos seguir considerando normal que non estea presente o 50 % da nosa poboación", afirmou.
Ao finalizar o evento e unha vez incorporada a secretaria xeral de CEIM Sara Molero, que non puido estar á chegada, a vicepresidenta accedeu "por coherencia" a participar na foto oficial tal e como estaba previsto, segundo indicaron fontes de Asuntos Económicos.