Cambio climático e verteduras, causantes da mortaldade de ameixa
Cambio climático e verteduras, causantes da mortaldade de ameixa
As capturas van en descenso nas últimas campañas
As cifras da evolución de capturas de determinados bivalvos na última década reflicten descensos notables practicamente unha campaña tras outra e mesmo con episodios de elevada mortaldade en determinadas áreas e especies.
Na ría de Arousa, e concretamente nos bancos do Grove, é na ameixa fina na variedade en que é máis relevante.
Lola Gondar, mariscadora, di: "A ameixa fina coas temperaturas tan altas que hai na auga do mar desova menos, morre e temos menos. Achacámoslle moito ao cambio climático, porque cada vez os meses de inverno son menos, a auga do mar está máis quente e a ameixa fina é a máis prexudicada. Estámolo notando ano a ano a pasos axigantados".
A mariscadora sinala a contaminación e o barato que lle sae á industria verter ao mar como a outra causa destrutiva dos bancos de marisqueo: "Moitas empresas prefiren pagar as multas antes de solucionar o problema. Hai empresas que ano tras ano teñen denuncias, pero ao final vén o ano seguinte e temos o mesmo problema. Dámonos conta de que prefiren pagar a multa que solucionar o problema, e todo iso vén para o mar", di Gondar.
Engade que coidar a saúde do mar incumbe a todo o mundo, porque interesa a todos. Empezando polas 370 mariscadores adscritas á Confraría do Grove. Son 30 menos que antes da pandemia debido a xubilacións. Di que neste caso o relevo xeracional non está en cuestión, polo que reflicten os permisos para a explotación marisqueira.
"Cada vez máis persoas para o marisqueo. Cando facemos a apertura de permex para entrar na Confraría hai un montón. Xúntanse ao mellor 200 persoas para optar a un permex. Cada vez hai máis".
Como todo o marisco, a ameixa está agora en época de demanda alta, polo que o seu prezo repunta.