Cangas nadou, andou e correu para apoiar a investigación da ELA
Cangas nadou, andou e correu para apoiar a investigación da ELA
A Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica organizou un evento deportivo na praia de Rodeira para recadar fondos
Cangas do Morrazo moveuse pola esclerose lateral amiotrófica. Foron moitos os que nadaron, correron e andaron para recadar fondos para a ELA no paseo da praia de Rodeira.
Mirara un a quen mirara por baixo do arco da esperanza do evento estaba pensando niso de que a ELA só se curará con investimento para a investigación, algo que si está ocorrendo, por exemplo, co estudo do cancro, moito máis común que a ELA. Para a esclerose lateral amiotrófica non hai cura nin tratamento á vista.
"Toda a xente que recibe un diagnóstico coma este o primeiro que pensa é que non hai tratamento que cure. E o que todos temos en común é a idea de intentar gozar do día a día e pensando que ninguén ten garantido o futuro, que simplemente que a min dixéronme xa algo concreto de como vai ser algo dese futuro. Pero intentando vivir día a día", conta a TVG Susi Seoane, á que lle diagnosticaron ELA en setembro do ano 2021.
Necesitan cartos para investigar e axudas para os coidados.
"Quen non teña medios é moi difícil que poida vivir. E eles só queren vivir. A súa mente está perfectamente. Meu irmán, que morreu pola ELA, dicía que o seu corpo tiña a enfermidade, non a súa cabeza. E que el ía normalizar a enfermidade. E así foi", explica Pilar Guimeráns, vogal de AGAELA.
"Van xurdindo necesidades nun breve prazo de tempo, e facer fronte a todas esas necesidades supón uns recursos económicos moi altos, que hai moitas familias que non poden asumir. Está estimado que o gasto que pode ter unha familia ao ano está entre os 30.000 e os 50.000 euros", relata Jessica Garabal, que é terapeuta ocupacional en AGAELA.
Con este fin de facer caixa moitos inscritos no evento "Cangas do Morrazo móvese pola ELA" correron case nove quilómetros, camiñaron catro e nadaron medio.
Na praia de Rodeira os nadadores pola ELA foron recibidos como merecen, como heroes que se mollan por unha causa boa.