Cantabria e Asturias renovarán os trens de proximidade en 2026
Cantabria e Asturias renovarán os trens de proximidade en 2026
O ministerio asegura que nunca se pensou en construír trens máis grandes ca os túneles
Dous anos despois do previsto, en 2026, Cantabria e Asturias renovarán os trens de proximidade.
Na reunión en Santander, o secretario xeral de Infraestruturas explicoulles aos conselleiros responsables en materia ferroviaria que a demora se debe a unha discusión técnica para adaptar os trens ao ancho métrico destas comunidades autónomas.
O problema coas dimensións xa se coñecía desde 2021 e sempre contaron, asegurou, con construír trens máis pequenos ca os túneles.
"Nunca houbo un problema de trens grandes, o problema era que os trens saían máis pequenos ca os actuais. Non se fabricou ningún tren, non se deseñou ningún tren que non caiba por ningún túnel e non se malgastou ningún recurso nin cartos" explicou Xavier Flores á saída da reunión.
Ademais, o ministerio pediulle un calendario á empresa adxudicataria para ver de poder axustar os prazos como piden ambas as comunidades autónomas.
"Acurtemos os prazos, a entrega dos materiais, fagamos esforzo máximo para que ese contrato poida adaptarse e dentro desas posibilidades sexamos o máis ambiciosos posibles para que haxa unha compensación", pediu Alejandro Calvo, Conselleiro de Cohesión Territorial de Asturias.
Mentres, Francisco Javier López Marcano, Conselleiro de Transportes de Cantabria, agradeceu as explicacións malia que o seu goberno pediu outra xuntanza coa ministra de Transportes Raquel Sánchez para a semana do 20 de febreiro.
Queren decisións e solucións que garantan a chegada dos trens canto antes.
A polémica chegou este mércores ao Congreso, onde a ministra recoñeceu o erro e pediu desculpas.