Carlos III pide cambiar a lei para que Ana e Eduardo poidan substituílo
Carlos III pide cambiar a lei para que Ana e Eduardo poidan substituílo
O moncarca envioulle formalmente a petición ao Parlamento para "garantir a continua eficiencia dos asuntos públicos cando non estou dispoñible, como cando estou a desempeñar funcións oficiais no estranxeiro"
O rei Carlos III pediulle ao Parlamento británico que lexisle para poder engadir os seus irmáns Ana e Eduardo á lista dos membros da monarquía que poden substituílo en actos públicos cando el está ocupado ou indisposto.
Espérase que posiblemente este martes o Goberno presente o proxecto de lei de conselleiros de Estado para emendar as actuais leis da Rexencia, que dispoñen que os potenciais substitutos son a parella do monarca máis os catro primeiros herdeiros maiores de 21 anos.
Actualmente, os conselleiros son Camila, a reina consorte; o príncipe Guillerme, herdeiro ao trono; o seu irmán, o príncipe Henrique; o príncipe Andrés, irmán de Carlos, e a filla deste, a princesa Beatriz.
Con todo, Andrés retirouse en 2019 da vida pública tras un escándalo por presunto abuso dunha menor nos Estados Unidos e Henrique trasladouse a vivir a ese país coa súa familia e distanciouse dos labores reais.
Coa súa petición formal ao lexislativo, Carlos III trata de ampliar o número de substitutos dispoñibles, un problema que deixou por resolver a súa nai, a raíña Isabel II.
"Para garantir a continua eficiencia dos asuntos públicos cando non estou dispoñible, como cando estou a desempeñar funcións oficiais no estranxeiro, confirmo que me satisfaría, se o Parlamento o considera conveniente, que o número de persoas que poden ser chamadas a actuar como conselleiros de Estado segundo os termos das leis de Rexencia de 1937 a 1953 inclúa a miña irmá e o meu irmán, a princesa real e o conde de Wessex e Forfar, quen xa anteriormente asumiron este papel", reza a mensaxe do monarca de 74 anos aos deputados.