Case a metade dos diagnósticos de VIH en Galicia son tardíos
Case a metade dos diagnósticos de VIH en Galicia son tardíos
Máis de 3.000 casos rexistrados nos últimos 17 anos en Galicia, 105 deles en 2020
"O risco segue aí", din os comités antisida, que chaman á realización das probas rápidas
37 anos despois de que se produciran os primeiros casos de VIH en Galicia, o diagnóstico tardío é, a día de hoxe, un dos principais problemas da infección. Aféctalle ao 48 por cento dos pacientes e oito de cada dez coñecen que están infectados cando se manifesta a enfermidade.
O ano pasado diagnosticáronse en Galicia 105 novas infeccións por VIH, unha cifra inferior á media anual dos últimos 15 anos que se podería explicar pola emerxencia sanitaria. Con todo, desde 2004 rexistráronse aquí 3.030 novos diagnósticos, 183 anualmente de media, que sitúa a incidencia desta enfermidade en algo máis de seis casos por cada cen mil habitantes.
O risco segue aí
Os diferentes comités antisida das cidades galegas saen hoxe ás rúas co obxectivo de facer ver que "o risco segue aí" e tamén para chamar a atención sobre a necesidade de desestigmatizar a enfermidade, porque "a sida non entende de nivel social ou cultural".
No comité antisida da Coruña, Rubén Alexandre explica que "continúa o estigma social porque non hai información suficiente". Iso leva, segundo este membro do colectivo, a que a xente tarde en solicitar a realización da proba.
"Canto antes saibamos que estamos infectados, antes nos trataremos e poderemos chegar a ter unha enfermidade non transmisible e mesmo indetectable", insiste, por iso chama a poboación a realizar probas rápidas, que se facilitan desde estas asociacións e no sistema público de saúde.
Nun 80 por cento dos casos ao contaxio prodúcese por relacións sexuais de risco, tanto heterosexuais (no 43 por cento dos casos) como entre homes (37 por cento). Por iso, as entidades sociais reiteran que é necesario "seguir usando o preservativo como medida de prevención tradicional, e tamén novos medios como a profilaxe preexposición, que evita o contaxio, e a profilaxe postexposición, que ten unha efectividade de máis do 90 por cento".
A situación da sida sofre tamén, nos últimos dous anos, as consecuencias da pandemia de coronavirus: "As interaccións sociais diminuíron, e iso pode supor unha redución das prácticas sexuais de risco, pero tamén diminuíu arredor da metade o volume de persoas que se fan a proba", o que acentuaría o diagnóstico tardío.