Castro Caldelas combate o feísmo con pinturas murais nas fachadas
Castro Caldelas combate o feísmo con pinturas murais nas fachadas
Sete artistas participan no Festival do Muralismo, promovido polo Consorcio da Ribeira Sacra
Onde antes había cemento, empeza a aflorar a cor. Durante oito días, sete artistas do muralismo daranlles forma ás súas creacións nas fachadas de Castro Caldelas.
"Hai unha festa tradicional aquí, a dos Fachós, e vou representar a escena en que levan unha serpe de palla con lume e dan unha volta con ela pola vila", explica Miguel Peralta, muralista.
A temática é libre, pero alusiva á contorna: ás tradicións de Castro Caldelas, á súa flora e fauna, ás paisaxes da Ribeira Sacra e ás súas xentes, que, por certo, seguen paso a paso o proceso.
"É un traballo que se vai ver, van convivir con el e supón un exercicio de empatía", subliña Novenoel, muralista.
O Irrio Peliqueiro, xa un tanto descolorido, foi o primeiro mural de Castro Caldelas, o que plantou a semente que acabaría derivando no Festival de Muralismo promovido polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
"Ser recoñecido como unha das vilas máis bonitas de España é un peso sobre os ombreiros: cada día hai que ir embelecendo a vila e mellorando", asegura Sara Inés Vega, alcaldesa do municipio.
O festival inclúe tamén obradoiros para os máis novos e clases maxistrais impartidas polos propios muralistas, outra maneira máis de daren a coñecer a súa arte.