Cataluña celebrou unha Diada marcada pola división no independentismo
Cataluña celebrou unha Diada marcada pola división no independentismo
A ANC criticou a mesa de diálogo e pediulle ao goberno da Generalitat que declare a independencia ou convoque eleccións.
Nin ERC nin o presidente da Generalitat asistiron á manifestación convocada pola ANC, por considerala excluínte.
150 mil persoas, segundo a Garda Urbana, participaron na manifestación convocada pola Asemblea Nacional Catalá. A presidenta da entidade criticou a estratexia de diálogo co goberno español e reclamoulle ao goberno catalán que declare a independencia ou convoque eleccións.
"Os falsos diálogos non enganan a ninguén. Queremos a independencia”, dixo Dolors Feliu, Presidenta da ANC.
A manifestación da Diada estivo marcada pola ausencia de Esquerra Republicana e do presidente da Generalitat, críticos cunha convocatoria que consideran excluínte e máis centrada en criticar o seu partido ca en unir o independentismo.
"Enfoquemos claramente a reivindicación desta Diada Nacional a favor do dereito de Cataluña de escoller libremente o seu futuro", dixo Pere Aragonés, presidente da Generalitat.
Os que si asistiron foron os conselleiros de JuntsXCat no goberno catalán e a dirección do partido.
"Para todo o que sexa impulsar e fortalecer o grande activo do independentismo, que é a mobilización, si estaremos e por iso estamos aquí”, asegurou Jordi Turull, secretario xeral de JxCAT
A presidenta da ANC abriulle a porta a unha nova lista electoral disposta a culminar a independencia.