As ceas de Nadal están en pleno auxe con menús de entre 40 e 50 euros
As ceas de Nadal están en pleno auxe con menús de entre 40 e 50 euros
Moitos locais xa superan o 80 por cento de reservas con menús algo máis caros ca o ano pasado
O prezo dos menús varían entre os 40 e os 50 euros os máis comúns
Estes días os encargados das reservas nos restaurantes botan fume. E é que se o ano pasado a inflación desmedida fixo que moitos quedaran na casa, estas semanas a hostelería está notando un ambiente moito máis vivo na xente, que leva gardando sitio para celebrar os xantares do Nadal xa dende o mes de outubro.
"Hai máis reservas, hai máis ambientiño, hai gañas de Nadal", admite Javier Sordo, xefe de cociña do Café La Morena, en Santiago de Compostela.
Os encargados de hoteis e restaurantes confirman o bo ritmo das reservas para todo o mes de decembro de empresas e grupos de amigos. En moitos casos xa está solicitado o oitenta por cento da capacidade do local e para algúns días xa non queda sitio.
"A verdade é que moi ben, practicamente estamos xa completos nas datas máis quentes, que son o día trece e o día vinte, e queda algunha cousiña tirando a venres. Pero moi ben, a moi bo ritmo e con xa todo confirmado", confirma o director do hotel compostelán Porta do Camiño, Lalo Crespo.
O prezo medio dos menús varía entre os corenta e os cincuenta euros por persoa. Un pouco máis caros que o ano pasado, por iso os establecementos tentan ofrecer unha maior oferta de comidas ou de servizos para os clientes.
"A tendencia está sendo volver aos menús, non tan abondosos como antigamente, pero un pouquiño máis animados", confesa o voceiro do Café La Morena.
"O que temos é a xente en diferentes espazos, que fan a súa cea e despois xúntanse nunha festa conxunta, e á xente gústalle moito. Ás empresas gústalle moito ese formato", sentenza Lalo Crespo.
E tampouco hai que esquecerse dos traballadores de hoteis e restaurantes, que tamén terán a súa celebración particular, aínda que na maioría dos casos cando rematen as festas.