Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez e Feijóo reciben este luns os mariñeiros repatriados do Villa de Pitanxo

Sánchez e Feijóo reciben este luns os mariñeiros repatriados do Villa de Pitanxo

O presidente do Goberno tamén falará coas familias dos desaparecidos

Os tres sobreviventes do naufraxio agardan nun hotel o regreso á casa

O A-400 tras aterrar en Terra Nova
G24.gal 20/02/2022 17:19 Última actualización 20/022022 21:00

O presidente do Goberno Pedro Sánchez viaxa a Galicia este luns para recibir os mariñeiros repatriados do barco de arrastre galego Villa de Pitanxo. 

O xefe do Executivo tamén manterá un encontro coas familias dos doce integrantes da tripulación que continúan desaparecidos tras o afundimento do pesqueiro. Piden que se retome o rastrexo para tentan localizar as vítimas e poder darlles sepultura. 

Está previsto que o A-400 do Exército do Aire chegue a Santiago ás 18:00 horas cos tres sobreviventes e cinco dos falecidos no naufraxio. Os corpos dos outros catro tripulantes, rescatados tras o afundimento do barco, serán repatriados ao Perú, o seu país de orixe.

O avión militar chegará a Santiago ás 18:00 horas

Colaboración entre institucións

O avión militar encargado da operación aterrou no Canadá este domingo ás 16:30, unha hora antes do previsto. Saíra ás dez da mañá dende a base militar de Zaragoza.

embaixador de España no Canadá recibiu a aeronave na pista de aterraxe, xunto á viceprimeira ministra de Terra Nova. Alfredo Martínez Serrano asegurou que o Executivo español está "sumamente comprometido coa asistencia ás vítimas".

"Desde o comezo desta situación estivemos comprometidos coa asistencia ás vítimas seguindo os principios de humanidade, de compromiso e, por suposto, de profesionalidade. Quero destacar que a colaboración e a coordinación entre todas as institucións españolas foi máxima", salientou.

O embaixador tivo unha mención especial para as autoridades do Canadá e para a Xunta de Galicia, que enviou persoal á zona para colaborar nos trámites da repatriación. Tamén queren estar presentes para o caso de que finalmente se decida retomar a busca dos tripulantes que continúan desaparecidos.

"Entendemos que é unha situación bastante difícil, acaban de sufrir un choque moi grande porque perderon os compañeiros e estiveron a punto de morrer", declara Antonio Basanta, da Consellería do Mar.

"As familias necesitan saber se se vai continuar coa busca, como e de que maneira, e para iso estaremos aquí en contacto coas autoridades canadenses que están á fronte desa busca", engade este membro de Protección Civil da Xunta.

Identificación dos falecidos

Este sábado, o barco galego Playa Menduíña 2 desembarcou en Terra Nova os tres sobreviventes e os corpos de sete dos nove falecidos recuperados tras o naufraxio. Unha vez identificados, trasladáronlles a información correspondente ás familias. 

O Villa de Pitanxo naufragou, supostamente por un golpe de mar, o pasado martes no Gran Banco de Terra Nova, uns 460 quilómetros ao leste do porto de San Xoán (Terra Nova).

Doce mariñeiros, a metade da tripulación, continúan desaparecidos. O pesqueiro tiña 50 metros de eslora e base no porto de Marín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade