Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chegan a España os 72 evacuados do Sudán

Chegan a España os 72 evacuados do Sudán

No avión viaxaban 34 españois e cidadáns doutras 11 nacionalidades

Máis de 1.000 europeos foron xa evacuados do Sudán

G24.gal 24/04/2023 12:09 Última actualización 24/04/2023 19:21

O avión da Forza Aérea Española en que viaxaban 72 persoas evacuadas do Sudán aterrou na base aérea de Torrexón de Ardoz, en Madrid, onde foron recibidos polo ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares.

No avión viaxaban 34 españois e cidadáns doutras 11 nacionalidades, segundo Asuntos Exteriores, entre eles portugueses, italianos, polacos, irlandeses, mexicanos, venezolanos, colombianos, arxentinos e sudaneses, residentes no país africano e turistas.

A aeronave militar española cos evacuados despegou o domingo da capital sudanesa, Khartum, pouco antes das once da noite con destino a Xibutí, desde onde saíu cara a España.

Ademais dos evacuados no operativo, un grupo de españois decidiu voluntariamente permanecer no Sudán ou abandonalo por outros medios, mentres que outras persoas conseguiran saír do país antes de a posta en marcha deste dispositivo.

 

O operativo, por parte das Forzas Armadas españolas, estivo composto por catro avións militares que operaron entre Xibutí e España para transportar todo o material e persoal implicado na operación, que se levou a cabo desde o aeroporto de Khartum.

No país africano aínda permanecen 62 militares españois, entre eles membros do Exército do Aire, da Brigada Paracaidista e do Mando de Operacións Especiais que participaron no rescate e que chegarán a Madrid "nas próximas horas", asegurou a ministra de Defensa, Margarita Robles.

Entre os españois evacuados figuran o embaixador español en Sudán, Isidro González, e o persoal da embaixada, a quen o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, felicitou polo seu "excelente labor".

Máis de 1.000 europeos foron xa evacuados do Sudán

Máis de 1.000 cidadáns europeos puideron ser evacuados xa de Sudán nunha operación “complexa” pero “exitosa” iniciada durante a fin de semana por varios países da Unión Europea, informou o alto representante de UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell.

“Foi unha fin de semana longa e intensa tratando de sacar á nosa xente do Sudán. Foi unha operación complexa, foi unha operación exitosa”, indicou Borrell.

O político español confirmou que máis de 1.000 cidadáns da UE puideron xa deixar o país africano, sen precisar “cifras concretas”, dos aproximadamente 1.500 que se atopaban alí ao comezo dos combates desatados o pasado día 15 entre o Exército nacional e os paramilitares, e que deixaron xa polo menos 400 mortos e máis de 4.000 feridos.

“Non nos podemos permitir que O Sudán, que é un país moi poboado, implosione, porque enviará ondas expansivas a toda África”, afirmou.

Borrell apuntou que 21 persoas membros do persoal da delegación da UE no país xa se atopan en territorio europeo, mentres que o xefe desa misión permanece en Sudán pero saíu de Khartum.

“A nosa xente tiña que saír porque estaban en metade dunha guerra, algúns deles feridos. É imposible seguir traballando como diplomático”, comentou.

O alto representante mostrou especial agradecemento a Francia polo seu labor na operación de evacuación e aos países que combinaron os seus esforzos para facela posible.

Borrell dixo que a mensaxe da comunidade internacional é o mesmo: “Hai que parar a guerra, silenciar as armas e empezar a buscar unha solución política porque non hai unha solución militar a isto”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos