Publicador de contidos
Publicador de contidos

Cociña terapéutica para pacientes de Saúde Mental

Cociña terapéutica para pacientes de Saúde Mental

A unidade de Psiquiatría do CHUO organiza un taller de cociña saudable para pacientes do Hospital de Día 

Orientado a que adquiran máis autonomía, ao tempo que hábitos saudables

Participantes do curso de cociña saudable
G24.gal 18/03/2022 18:10

A unidade de saúde mental do Complexo Hospitalario ourensán traballa cun novo instrumento cos seus pacientes: un curso de cociña saudable co que pretenden que adquiran bos hábitos alimentarios, e algo máis.

Nesta ocasión, concretamente, están facendo galletas de avea. Trátase de que aprendan a administrar os ingredientes, os utensilios e ata os tempos na cociña, pero sobre todo que adquiran hábitos cotiáns. 

"Os hospitais de día, as unidades de rehabilitación psiquiátrica, o que buscan é que os pacientes gañen o maior grao de autonomía. Ás veces iso implica cousas da vida cotiá, como facer unha dieta sá ou aprender a cociñar. Moitos dos nosos pacientes non teñen ese tipo de habilidades", detalla Alexandre García Caballero, Psiquiatra do hospital de día do CHUO.

Ao estilo masterchef, a súa fonte de inspiración, van collendo hábitos non só culinarios, senón tamén saudables. Fano na propia cafetería do hospital, coa colaboración da empresa que a xestiona, e participan ademais o persoal sanitario, o que tamén lles axuda na reconquista da autoestima.

"A sentirse útiles e válidos, a ver que o poden facer igual que facemos nós, porque o estamos facendo ao mesmo tempo ca eles", confirma Begoña Garrote, axuliar de enfermeiría do hospital de día.

Cada un dos participantes trae consigo unha carga distinta, pero aquí, sóltana por unhas horas.

María Teresa Penín, paciente da unidade de Saúde Mental: "Eu xa non traballo, porque non podo. E facer cousas, ver que as podo facer, para min é un logro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade