Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comerciantes de Cee piden uns prezos da luz xustos para seguir coa súa actividade

Comerciantes de Cee piden uns prezos da luz xustos para seguir coa súa actividade

Cada día apagan as luces dos escaparates en sinal de protesta contra as tarifas eléctricas

Uníronse xa a esta medida 50 comercios da vila, preto dun 90 % do total, e agardan que se estenda ao resto de concellos da comarca

G24.gal 01/04/2022 14:35

Do prezo dos carburantes ao da luz. Precisamente uns prezos xustos para que os seus negocios sigan funcionando, isto é o que piden os comerciantes de Cee que levan dende este martes en protesta polas tarifas eléctricas. Escaparates ás escuras por facturas da luz que se incrementaron, din, máis dun 40 %.

Un apagamento que comeza todos os días, dende este martes, a partir das oito e media da tarde. Os comerciantes de Cee únense para mostrar así as súas queixas polo incremento neste último ano das facturas da luz. Sabela Oca, propietaria dunha tenda de moda masculina, explica que aínda "que sempre teño mesmo prendido, non me ven todos os meses a mesma cantidade de factura a pagar e teño que ir axeitándome para poder vivir". "Xa temos a suba do gasóleo e dende hai case un ano a suba da luz tanto nos fogares como nos comercios e queremos uns prezos xustos" indica pola súa banda Sheila Rodríguez dependenta dunha tenda de roupa. 

O que comezou como unha pequena iniciativa dun grupo de tendas, hoxe uníronse xa á protesta 50 comercios da vila, preto dun 90 % do total. Para eles, cantos máis se adhiren, máis forza farán, e agardan que se estenda a outros concellos. Deixando os escaparates a escuras, piden uns prezos xustos para seguir levando a cabo a súa actividade.

"Facer un pouco de presión para conseguir que as compañías eléctricas nos fagan caso e estipulen unha tarifa máis axeitada a nós ou unha tarifa plana", pide Jesús Constenla, xerente doutra tenda de moda. Os salóns de peiteado sofren máis se cabe as consecuencias da suba da luz, pois "a calefacción, secadores, pranchas de pelo, aparellos para deshumidificar... isto todo aumenta o consumo de enerxía", de aí as súas reivindicacións, explica Andrés Felipe, dono dun salón de peiteados. 

Nos vindeiros días teñen previsto unha reunión para propoñer posibles novas iniciativas en que non estará o paro ou peche temporal dos establecementos, pois suporía a súa posible ruína. Pero si pretenden pór en común ideas e propostas para reducir gastos e tamén para o rexurdir do comercio local, moi castigado xa, e que non poderá sobrevivir sen o compromiso e colaboración dos veciños.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar