Comeza a campaña da gran recollida de alimentos
Comeza a campaña da gran recollida de alimentos
Do 25 ao 27, nos supermercados colaboradores
Tamén se poden doar cartos nas caixas dos supermercados e en liña
O slógan deste ano é "Comer non pode ser un luxo"
Hoxe dá inicio a campaña da gran recollida de alimentos en supermercados de toda Galicia, destinados a cubrir as necesidades básicas das persoas e familias máis desfavorecidas. Os puntos de recollida estarán, coma sempre, nos supermercados colaboradores. Suxírese a doazón de produtos non perecedoiros como conservas, pasta ou legumes e tamén leite, potiños ou cueiros para os nenos.
Aos poucos as caixas vanse enchendo. O reto este ano é recoller en toda España 21 millóns de quilos de alimentos.
"É a operación estrela do ano. Nós sempre somos optimistas e confiamos na resposta positiva da xente", di Iván Martínez, presidente provincial da Fundación Banco de Alimentos de Pontevedra.
O ano pasado as cifras da gran recollida decaeron notablemente. Pensan que pola inflación e polas aínda restricións da pandemia. A ver coma vai este. Son optimistas. Andrés Tellez, encargado do Banco de Alimentos de Lugo, di que este ano, coa carestía, vai custar un pouco máis pero pensa que a xente se vai concienciar porque se ve que cada vez chega máis xente ao banco pedindo axuda.
O slogan deste ano é "Comer non pode ser un luxo" . "Soamente lelo remóvete un pouco por dentro. Penso que vai dar lugar a que a xente o pense.", di Iván Martínez.
Demandan produtos non perecedoiros: legumes, aceite, conservas, arroz, leite e alimentación infantil. Unha axuda para as familias en dificultades.
A través das caixas dos supermercados tamén se poden facer doazóns de cartos.
A gran recollida é unha iniciativa solidaria en que participan os 54 bancos de alimentos do Estado.