Comeza unha campaña informativa para previr accidentes nos tractores
Comeza unha campaña informativa para previr accidentes nos tractores
No 90 % dos sinistros mortais por manexo de tractor en Galicia as vítimas son maiores de 65 anos que traballaban en leiras particulares
Os accidentes de tractor son a causa máis frecuente de morte no agro. En toda España morreron na última década arredor de 88 persoas cada ano. E Galicia é unha das comunidades con máis vítimas de accidentes de tractor; nos últimos 3 anos morreron 56 persoas, e no que vai de ano xa van 6 mortos. A inmensa maioría non eran traballadores, senón particulares que facían labores agrícolas nas súas leiras, e que tiñan máis de 65 anos.
Para reducir este tipo de sinistros, a Xunta, en colaboración coa Garda Civil e a DXT, acaba de iniciar unha campaña informativa.
"Esta campaña ímola facer da man da DXT a pé de estrada, pero tamén nas ITV e nos concellos rurais. Estamos tentando concienciar os usuarios de que usen correctamente os vehículos, fagan o mantemento e usen os mecanismos antienvorcadura", anunciou Pablo Fernández, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais .
Porque entre os accidentes máis frecuentes están precisamente os tractores que dan volta deixando moitas veces atrapados debaixo deles os condutores. Máis do 90 por cento deses sinistros non son laborais. Son persoas maiores, xa xubiladas e que adoitan levar vehículos vellos. De feito, a media do parque de tractores de Galicia supera os 25 anos.
"Aproximaremos a todos os concellos este documento, que é moi claro, moi sinxelo e que contén información esencial para reducir esta sinistralidade", engadiu Adela Quinzá-Torroja, a Xerente do ISSGA.
De xaneiro a abril, seis persoas, todas xubiladas, faleceron en Galicia nun accidente de tractor mentres traballaban nas súas leiras.