Comezan as visitas autorizadas á illa de Tambo
Comezan as visitas autorizadas á illa de Tambo
Grupos de 50 persoas en catro quendas ao día
As excursións serán os venres, sábados, domingos e festivos
Comezan as visitas regulares á IIla de Tambo, un dos destinos menos coñecidos da ría de Pontevedra, xa que durante décadas tivo un uso militar e non se podía acceder a ela. Hoxe comezan a desvelarse os segredos que agochan as súas construcións
Grupos reducidos, cun guía de acompañante, en catro quendas por día, e coa correspondente autorización. O concello de Poio abriu as visitas á illa de Tambo con limtiacións para reducir o posible impacto negativo neste pedazo de terra situado na ría de Pontevedra, que durante décadas tivo restrinxido o acceso aos cidadáns.
Enrique e Carla son de Valencia.
"Preguntamos para ir ás Cíes e Ons e dixéronnos que imposible, pero dixeron que hoxe se inauguraban as visitas aquí e apuntámonos". "Realmente está virxe, si".
Conchi, filla de militar, é de Poio e só puidera vir unha vez.
"Tiña moita gañas de coñecela porque non se podía e entón a primeira vez que puiden xa vin".
A illa de Tambo conta cun pasado cheo de historias de piratas, lazaretos, onde confinaban os enfermos contaxiosos, mosteiro, cárcere e finalmente, coa chegada da escola naval a Marín, un arsenal e almacén de pólvora. Debido a ese uso militar ninguén se podía achegar ou fondear a menos de 200 metros.
Para Alberto é a primeira visita. Está sorprendido polos restos de varias construcións.
"Todos estes edificios dos miltares mostran que aquí si que había vida, que era á parte do resto da poboación". "A ver, eu entendo que se aquí hai instalacións militares... pois non se pode entrar, pero hai moito tempo que pecharon esas instalacións."
As viaxes realizaranse os venres, sábados, domingos e festivos. A duración da visita é de tres horas.