Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Lei do xogo de Galicia limitará o número de locais de apostas

A Lei do xogo de Galicia limitará o número de locais de apostas

A norma tamén establece unha distancia mínima de 300 metros radiais que deben manter os establecementos de xogo ata centros educativos ou de rehabilitación da ludomanía

G24.gal 29/09/2022 11:29 Última actualización 29/09/2022 15:06

A Xunta aprobou este xoves o proxecto de lei reguladora do xogo de Galicia, que prevé que poida estar aprobado definitivamente en 2023, e que limitará os establecementos de xogo, ademais de establecer 300 metros radiais de distancia a colexios, centros de rehabilitación ou outros locais de xogo.

Segundo explicou o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, poderá haber en Galicia un máximo de dous casinos, doce bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas apostas. Hai, ademais, unha limitación de dúas máquinas como máximo en locais de hostalería.

Ademais establécese esa distancia de 300 metros medidos radialmente desde centros educativos aos que acudan menores, centros rehabilitadores de persoas xogadoras patolóxicas e doutro establecemento de xogo.

Calvo destaca a medición radial, fronte a outras normativas que establecen distancias peonís, "que permitían que eses locais estivesen máis preto".

Segundo explicou o vicepresidente segundo da Xunta, trátase de regular un "xogo responsable", polo que se vai establecer unha "limitación para entrada de menores nos locais de xogo", xa que estes establecementos terán que ter controis de acceso.

E é que preocupa especialmente a protección dos menores: un de cada catro rapaces galegos recoñece que xogou nalgunha ocasión, e uns 35.000 están en risco de converterse en ludómanos

Tamén as máquinas instaladas en locais de lecer e hostalería terán que ter dispositivos para que non poidan ser usadas por menores.

A actual normativa data de 1985, polo que é unha regulación que necesitaba "ser actualizada", asegurou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Acordo con tres socios do Polo das Rozas

A Xunta de Galicia tamén acordou este xoves a firma de acordos coas empresas Airbus, Telespazio e Babcock para ser os primeiros socios estratéxicos do Polo Aeroespacial das Rozas e configurar unha alianza público-privada.

O investimento previsto é de 283 millóns de euros que supoñerá a creación de 400 postos de traballo ata 2026.

O presidente da Xunta indicou que este investimento servirá para desenvolver ata 40 proxectos, a metade dos cales corresponderán a Airbus, un total de 20, cun investimento de 242 millóns de euros, dos que 213 serán achegados pola empresa e o resto pola Xunta, e permitirán a creación de 168 postos de traballo.

As outras dúas empresas ocuparanse de proxectos por valor de 41 millóns, que achegarán a metade, 20 millóns, e o resto o Goberno galego.

Ademais, na súa reunión ordinaria semanal, a Xunta aprobou a conta xeral da comunidade autónoma de 2021, que se pechou cun déficit de 0,15 %, cando o máximo era do 1 %, destacou Rueda, á parte de que o endebedamento se situou 7 puntos por baixo da media das comunidades autónomas, 18,5 % respecto ao PIB fronte a 25,9 % de media.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade