Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así é a nova Lei de familias: medidas de conciliación e dereitos dos fogares

Así é a nova Lei de familias: medidas de conciliación e dereitos dos fogares

A norma establece novos permisos de coidados, a ampliación da axuda de crianza e do concepto de familia numerosa ou a eliminación do pin parental 

"Refórzase a protección de todas as formas de ser familia", di Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030

G24.gal 13/12/2022 11:27

O Goberno aprobou este martes o anteproxecto da Lei de familias no Consello de Ministros, impulsado polo Ministerio de Dereitos Sociais, recollendo un conxunto de medidas de conciliación e de apoio aos distintos tipos de familias.

Medidas de conciliación

♦ Haberá cinco días remunerados para coidado dun familiar ou convivente por "accidente, enfermidade grave, hospitalización ou cirurxía con coidados na casa".

♦ Recóllese o dereito a ausentarse ata 4 días por motivos familiares urxentes ou "forza maior", en caso de enfermidade ou accidente que fagan indispensable a súa presenza inmediata.

♦ Establécese un permiso de 8 semanas para pais e nais para coidado dos fillos, que poderá gozarse de maneira continua ou non ata que os menores teñan 8 anos.

Amplíase a axuda de crianza de 100 euros, incompatible co ingreso mínimo vital de 100 euros ao mes para familias vulnerables de nenos e nenas de ata os 3 anos.

Dereitos dos Fogares

♦ Coa nova lei serán contempladas tamén como familias numerosas con beneficios fiscais e axudas, as monoparentais con dous fillos, con dous fillos encabezadas por unha vítima de violencia de xénero ou un cónxuxe que obtivese a garda e custodia exclusiva sen dereito a pensión de alimentos, así como as formadas por dous fillos e un ascendente ou descendente con discapacidade e aquelas con dous fillos na que un proxenitor estea en tratamento hospitalario durante un ano ou ingresase en prisión.

♦ Inclúe como familias con maiores necesidades de apoio á crianza "con categoría especial" as numerosas con catro fillos, con tres fillos en caso de parto múltiple e as familias con tres fillos e baixos ingresos (ata o 150 % do IPREM).

♦ As inscritas no rexistro estatal de parellas de feito terán 15 días de permiso cando formalicen a inscrición e outros permisos de coidados do mesmo xeito que os matrimonios.

Permisos e prestacións en caso de acollemento de menores ou garda con fins de adopción.

Prohíbese o pin parental e proxenitores e titores non poderán impedir o acceso a contidos sobre diversidade familiar nos centros educativos.

Dereito á atención temperá dos menores e as súas familias con servizos ata os 6 anos para paliar necesidades dos nenos con trastornos de desenvolvemento.

♦ Créase un marco estatal para acompañar nos primeiros mil días de vida dos acabados de nacer, con apoios a mulleres para que non se vexan obrigadas a deixar os seus traballos. 

A norma, que transpón a directiva europea de conciliación 2019 e modifica o Estatuto dos Traballadores. Amplía desta forma a protección social ás familias e o apoio á crianza, e recoñece os distintos tipos de fogares que xa existen en España e protexe os dereitos de menores.

A ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, destacou que a aprobación "dunha das leis máis importantes deste curso político", a lei de familias, que corrixe "unha situación insostible” e que reverte "carencias históricas" na protección das familias.

A ministra defendeu a norma que recoñece xuridicamente as distintas familias. "Reforza a protección de todas as familias" e remedia "carencias históricas" da conciliación, destacou Belarra, quen lamentou que cada ano invístense 12.000 millóns de euros menos que a media da Unión Europea en protexer ás familias e a infancia.

Ao ser preguntada pola súa incorporación ao Goberno sen gozar da súa baixa de maternidade completa, Belarra explicou que gozou das seis primeiras semanas e cuestionou se esta pregunta tamén lla farían a un ministro home: "Ao meu compañeiro Garzón nunca se lle fixo esa pregunta". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade