Altura de 2,5 m, mínimo de 40 m2 e ventás a 1,8 m do chan: así se poderá converter un baixo en vivenda
Altura de 2,5 m, mínimo de 40 m2 e ventás a 1,8 m do chan: así se poderá converter un baixo en vivenda
Altura de 2,5 m, mínimo de 40 m2 e ventás a 1,8 m do chan: así se poderá converter un baixo en vivenda
O Consello da Xunta autorizou o decreto que facilitará o cambio de uso de baixo comercial a vivenda
O Consello da Xunta deulle o visto e prace de forma definitiva este xoves ao novo decreto de “habitabilidade” co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan renunciar ao seu uso orixinal para reconverterse en vivendas.
O presidente Alfonso Rueda e a vicepresidenta segunda e responsable de Vivenda da Xunta Ángeles Vázquez defenderon que esta norma adapta a realidade galega á situación actual e serve para “mellorar a calidade de vida dos galegos”.
Con todo, Rueda insistiu en que “non se trata de eliminar comercios e cambialos por vivenda”, senón que é unha fórmula de compatibilizar ambas as opcións.
Con esta norma, actualízase un decreto que xa tiña 13 anos e que presentaba requisitos que ou ben eran moi estritos ou xa quedaran obsoletos para rehabilitación ou reforma dunha vivenda.
A Xunta reduce os requisitos de forma que agora poderán ser convertidos en vivenda os baixos que teñan unha superficie útil mínima de 40 metros cadrados habitables e reduce a altura entre chan e teito a 2,5 metros.
Ademais, segundo explicou Ángeles Vázquez, as ventás situadas cara ao espazo público terán que ter unha altura mínima de 1,8 metros desde a parte máis baixa ata o chan ou estar a máis de dous metros das zonas de acceso libre para garantir a privacidade dos habitantes da vivenda. Con todo estas condicións son flexibles con medidas correctoras que serán avaliadas para poder ser aprobado o cambio de uso.
Así mesmo, mantéñense esixencias como que os baños e cociña deban dispoñer de instalación para unha saída de fumes.
A norma flexibilizará así as normas para os usos, o que a Xunta calcula que poderá beneficiar uns 7.000 baixos en alugueiro que actualmente tiñan “moi poucos visos de futuro como comercio”.
Ángeles Vázquez sostivo que estes cambios contan con “grande apoio” entre propietarios e sector, e tamén, ao seu xuízo, entre a sociedade galega, que busca “seguir avanzando e evitar a degradación” do territorio.
O cambio máis relevante introducido con este decreto é o de favorecer ou facilitar a reconversión de baixos en vivendas cando se dean este tipo de situacións, permitindo agora aos concellos “facer excepcións e simplificar as esixencias necesarias para garantir a intimidade dos residentes en determinados ámbitos”, sempre que estea debidamente xustificado por razóns urbanísticas ou de protección patrimonial da zona.
Para iso, mantense con carácter xeral a esixencia de protección de vistas nas vivendas resultantes da reconversión de locais comerciais en planta baixa, pero serán as administracións municipais as que poderán delimitar certos ámbitos nos que se exima do cumprimento destes requisitos, ou ben se maticen para que resulten máis fáciles de cumprir, mediante a tramitación dun anexo de habitabilidade.
Así mesmo, tamén se flexibilizan as condicións que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior, xa que con este cambio facilítase a delimitación dos tipos de espazos exteriores, aos que se deben abrir as vivendas para ter tal consideración, ao permitir aos concellos definir cales son estas zonas sen necesidade de acometer unha modificación do seu plan urbanístico.
No caso concreto de vivendas localizadas en centros históricos, antes esixíase que dúas das habitacións principais, salón e dormitorios, tivesen saída ao exterior pero a partir de agora a segunda estancia exterior poderá ser tamén a cociña.
Ademais, o diámetro mínimo establecido para que os patios de mazá computen como zonas exteriores de calidade redúcese de 0,7 metros a 0,5 metros.