O Sergas incluirá a partir de setembro a vacina intranasal da gripe para nenos de 2 a 5 anos
O Sergas incluirá a partir de setembro a vacina intranasal da gripe para nenos de 2 a 5 anos
O Servizo Galego de Saúde adquirirá 30.000 doses desta vacina
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) administrará a partir do mes de setembro a vacina intranasal contra a gripe aos nenos de 2 a 5 anos, segundo avanzou este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Na conferencia de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, o máximo mandatario autonómico explicou que a Xunta destinará 550.000 euros a este programa co obxectivo de adquirir 30.000 doses desta vacina.
Rueda explicou que esta vacina intranasal substituirá unha inxección ao administrarse "directamente por onde pode estar a orixe de moitas infeccións, que é a mucosa nasal".
No Sergas inciden precisamente na mucosa nasal como "porta de entrada" do virus e agardan que a efectividade e o impacto na saúde sexan maiores, xa que "ao ser unha vacina atenuada, activa o sistema inmunitario localmente" e aumenta a neutralización do virus.
Ademais, din nun comunicado, recentes estudos demostraron a diminución da incidencia de infeccións por estreptococo A en cativos que recibiron a vacina intranasal contra a gripe.
O presidente galego explicou que o Consello deu este xoves luz verde ao comezo dos trámites para incluír esta vacina no calendario infantil, nun contexto en que a Xunta foi pioneira mundial en introducir determinadas vacinas.
O obxectivo, tal e como salientou Rueda, é “lograr coberturas de vacinación por riba do 60 %” nos nenos e nenas deses tramos de idade, que se estima en máis de 27.000 persoas. Na última campaña de 2023-2024, Galicia chegou a un 50 % de cobertura na franxa de 24 a 59 meses.