Consenso no Poder Xudicial para nomear a Rafael Mozo substituto de Lesmes
Consenso no Poder Xudicial para nomear a Rafael Mozo substituto de Lesmes
O órgano de goberno da xudicatura celebra a partir das 16:30 horas un pleno para abordar a substitución de Lesmes
Os vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) conseguiron reunir o suficiente consenso para nomear previsiblemente esta tarde a Rafael Mozo, o vogal máis antigo, substituto de Carlos Lesmes á fronte da presidencia do órgano, aínda que deberán debater cales serán as súas funcións.
O órgano de goberno da xudicatura celebra este xoves a partir das 16:30 horas un pleno crucial para abordar quen substitúe a Carlos Lesmes, cuxa renuncia xa se fixo efectiva tras ser publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) do mércores.
Fontes xurídicas aseguran que existe bastante consenso entre os vogais para nomear o máis antigo, Rafael Mozo, pertencente ao bloque progresista, substituto do anterior presidente. Subliñan, con todo, que Mozo non sería tecnicamente un presidente en funcións, senón a persoa que suple a vacante deixada por Lesmes, un matiz xurídico que consideran importante.
É dicir, hai vogais que entenden que Mozo non debería ter as mesmas funcións que tiña Carlos Lesmes na presidencia do CXPX, e este é un dos principais puntos que terán que debater e acordar no pleno deste xoves.
Outros precisan que, aínda que as funcións veñen establecidas pola lei, Mozo tería a facultade de modulalas e de facer delegacións. Tamén son conscientes de que contra esta decisión se podería recorrer perante a Sala do Contencioso do Tribunal Supremo.
Informe ao Supremo
Antes de que Lesmes fixese efectiva a súa renuncia pola incapacidade do Goberno e do PP para renovaren o órgano, que vai cumprir catro anos en funcións, o presidente encargara un informe ao gabinete técnico do Supremo sobre a súa eventual substitución.
O informe concluíu que o seu substituto en ambas as dúas institucións debería ser, de xeito automático ao día seguinte de publicar a súa renuncia o BOE, o presidente de Sala máis antigo do tribunal, Francisco Marín Castán, moi próximo á súa figura e a quen apoiou por unanimidade a Sala de Goberno do Supremo.
Porén, os vogais do CXPX non estiveron de acordo con este informe e coincidiron en que todos querían ter voz sobre a persoa que debía ocupar o cargo, algo que debaterán esta tarde.