Conta atrás para o mes do cocido en Lalín
Conta atrás para o mes do cocido en Lalín
Será do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro e participan 21 restaurantes
Cómpre reservar con tempo xa que agardan recibir uns 5.000 comensais
O prezo medio do cocido subiu e está entre os 30 e os 40 euros
Rematada a dixestión do Nadal, chega o mes do cocido a Lalín. Comeza o día 15 e este ano participan 21 restaurantes, algúns xa están completos porque a paixón polo cocido non deixa de medrar.
"Sempre que veñas a Lalín tes que reservar, hai espazo limitado e moita xente peregrina polo noso cocido", di Alberto Currás, do restaurante Casa Currás.
"Parece mentira que logremos completar as prazas porque son moitas, pero si que logramos encher, así que o mellor é reservar", engade Diego López, do restaurante La Molinera.
Malia que algúns fan cocidos case todo o ano, febreiro é o mes forte nos restaurantes do concello, que agardan recibir 5.000 comensais. Será unha edición xa sen restricións e cos prezos algo máis caros pola suba da enerxía e as materias primas.
"A media subiu e está agora entre os 30 e os 40 euros. Ofertamos o cocido completo con sopa, cocido da punta do fociño á punta do rabo, dúas verduras, seis sobremesas, viño da casa, café e chopos", explica Alberto Currás.
"A carne en Lalín ten ese toque afumado que tanto gusta e tamén levamos moitos anos empurrando para dar calidade, boas mesas e bos cocidos", incide Diego López.
Xa saben, ao mal tempo, grelos, garavanzos, cachola e chourizo. En Lalín xa teñen as potas ao lume, lembren facer as súas reservas.