Estabilizado o incendio de Oroso que obrigou a cortar a A-52 este domingo
Estabilizado o incendio de Oroso que obrigou a cortar a A-52 este domingo
Desactivouse a situación 2 pola proximidade das lapas ao polígono industrial
Reabriu tamén a N-120 no punto quilométrico 612
A Consellería do Medio Rural desactivou a situación 2 no incendio forestal xa estabilizado no concello da Cañiza, na parroquia de Oroso.
As lapas están próximas ao polígono industrial e tamén á autovía A-52 que permaneceu cortada ao seu paso por este municipio, pero que xa está operativa.
O lume iniciouse á 1:00 da madrugada e está estabilizado. Ata o momento mobilizáronse para controlalo un técnico, dous axentes, catro brigadas, dúas motobombas e dúas pas.
Retencións no tráfico
O tráfico na A-52 estivo cortado desde a noite. Un fume moi denso impedía a visibilidade ao paso pola Cañiza. A circulación complicouse aínda máis cando as lapas se achegaron ata a N-120, que ata ese intre absorbía o tráfico tanto cara a Ourense como cara a Vigo.
En canto se reabriu a autovía, os camións e coches embolsados na nacional comezaron a dar a volta. Os traballos de extinción continúan á beira da estrada.
As brigadas empréganse a fondo a pé de lume, pero tamén os medios aéreos, que durante toda a mañá non pararon de botar auga na fronte que se mantén máis activa.
Segue vixente o nivel 2 porque non se disipou aínda o perigo para as naves do polígono industrial, algunhas delas con materiais moi inflamables.